Sobre o bandullo, vincha, tripón doce, deventre, buxo na vixiga… levo escrito moito en Colineta, nos meus libros e nos xornais e tamén falado moito na radio, pero traio o tema aquí unha vez máis para recomendar dous traballos alleos, publicados no blog Cocino en casa. Nun caso trátase dunha receita desta sobremesa para facer en molde (se non hai vexiga de porco pódese empregar un molde de forno). O outro é unha moi completa explicación sobre o mesmo e os seus antecedentes históricos.
Comentarios con premio
No mes de xullo de 2008 visitaba a Casa Grande de Xanceda, un dos principais produtores de iogures e leite ecolóxico de España e sorprendíame saber que os seus produtos eran más fáciles de adquirir en Andalucía que en Galicia, e que mentres os escolares andaluces comían os seus iogures nos comedores escolares, en Galicia non vendían un só.
Afortunadamente a cousa está cambiando, segundo me indicaba hai uns días Broder Fernández-Obanza, o director comercial da firma, e este ano xa son preto de seis mil escolares galegos os que reciben nos seus menús iogures de produción ecolóxica elaborados con leite tamén ecolóxica. Todo un luxo. E na próxima semana a lista incrementase con tres novos colexios en Santiago de Compostela, atendidos polo catering Barrigola, propietario de dous restaurantes de “menú” emblemáticos na cidade: Casa Ourense e Barrigola.