A penúltima cata con maridaxe desta temporada do programa Santiago Repetirás reuniu sobre a mesa os viños da denominación de orixe Monterrei e o queixo da D.O. Cebreiro.

Frecuentemente os queixos do Cebreiro presentan unha certa astrinxencia, así que a priori pensamos que o viño branco sería o que mellor maridaría, imaxinando que os taninos do tinto poderían potenciar a astrinxencia do queixo e dar un mal resultado en conxunto.

E erramos ao cento por cento. Erramos porque o queixo aportado polo consello regulador non era para nada astrinxente nin o tinto de Monterrei presentaba moitos taninos, así que foi o tinto o que mellor maridou cun queixo moi salientable pola súa cremosidade e sabor intenso. Nun primeiro momento o viño borraba do padal os rastros do queixo, pero despois este volvía á boca con moita forza.

Co branco a cousa foi ben diferente. A acidez do queixo anulaba por completo a do viño, que se volvía incluso algo doce dado o seu grado alcólico (13-13,5º). Neste caso o queixo estragaba o viño, así que todos quedamos de acordo en que Cebreiro e tinto de Monterrei fan unha boa harmonía.

O queixo fora elaborado o xoves, así que no momento da degustación estaba no seu punto óptimo: 2 días. Os viños eran do ano, un branco de godello con algo de treixadura e un tinto de mencía con algo de araúxa (tempranillo).

Os asistentes á cata foron agasallados cun libro de receitas editado polo consello regulador da D.O. Cebreiro. Como sobrara algún eu quedei con un para a miña biblioteca e outro para agasallar a un lector de Colineta. Será sorteado o día 22 de marzo entre tódolos comentarios publicados dende agora mesmo e o día 21 de marzo, tanto neste post como en calquera outro de Colineta.

O libro está publicado en edición bilingue (galego e castelán) e consta dunha breve introdución e un total de 222 receitas de cociña con queixo do Cebreiro