Miro na Wikipedia a voz “ría” e atópome conque ademais de en Galicia hai estas formacións marítimo-terrestres en Asturias, Cantabria, Euskadi, Andalucía, Arxentina, México e Australia. Sobre Holanda nin palabra.
Agardaba eu atopar unha ría en Holanda para que se me quitara a cara de parvo que teño dende que esta mañá gastei dous euros nunha lata de “berberechos de las rías” no Mercadona de Bertamiráns. Hai meses que lles tiña botado o ollo.
Un lateral da caixa, que se pode ver na foto, di “Fabricado para Holland Shellfish BV.” E debaixo indica: “Producto de Holanda“.
Como mal pensado que son, se en Holanda non hai rías, os berberechos son de Holanda e no envase di “berberechos de las rías” teño que concluír que se busca darnos a entender que o produto é galego, é dicir, enganarnos.
Sobre o produto hai que dicir que non está mal, e moito menos para o prezo que ten. E algo importante: non hai areas.
Pero non puiden resistir a comparación, unha comparación non moi ortodoxa xa que os produtos, ou polo menos os seus prezos, son bastantes diferentes. E abrín unha lata de berberechos galegos de conservas Cuca (da serie “Delicias del mar”). O aspecto de ambas latas pódese ver na segunda foto.
En boca os berberechos galegos teñen unha textura e un sabor moi semellante ao marisco fresco aberto ao vapor, mentres os holandeses son máis duros e, sobre todo, moito máis acedos. Berberechos de primeira especial fronte a outros comúns, diferenza que o prezo suaviza.
O que non se suaviza é o intento de engano






