O meu particular parque de atraccións no Forum Gastronómico de Xirona estaba no stand de Koppert Crees B.V., unha empresa holandesa dedicada á producción de herbas para a cociña. Cada vez que pasaba por diante paraba a probar algo, e confeso que algunha que non tiña desculpa para pasar preto fun a posta probar aquelas curiosidades.

Chamou especialmente a atención a folla de ostra, follas dunha pranta escocesa que saben a ostra. Non é que lembren o sabor das ostras, é que hai ostras que non saben tanto a ostra como estas follas. En definitiva, ostras vexetais.

Pero a verdadeira sensación para min foi o botón de sechuan. Sabía que se trataba dun produto moi curioso pero nunca o probara, así que non dubidei en meter un na boca e masticalo convintemente. Cando rematei a proba díxenlle á encargada do stand que deberían gravar en video as caras de tódolos que probaban aquela flor, que seguro sería para partirse da risa.

A primeira sensación que produce o botón de sechuan é a de ter a boca inundada de zume de pomelo chino, cando en realidade a temos chea de saliva. De primeiras sabe, xa digo, a pomelo chino, pero a salivación instantánea que produce é impresionante, tanto que a miña dentista xa tomou nota da flor para tentar aplicala ao tratamento dos pacientes con problemas de boca seca.

A sensación cítrica do primeiro momento trasnfórmase por uns segundos en sensación picante para de seguido converterse nunha sensación eléctrica. Eu dixen que me lembraba a cando de nenos tocábamos coa punta da lingua os dous polos daquelas vellas pilas de petaca que levabamos nas lanternas (daquela unha lanterna era un dos xoguetes máis apreciados entre os meus amigos).

Así que me poño a escribir sobre a experiencia e a buscar algo máis de información sobre o botón de sechúan. O primeiro que atopo é a Marcelo Tejedor dicindo que o botón lle causou a sensación de estar chupando pilas. Non sei se Marcelo tería tamén unha lanterna de pequeno.

Pouco a pouco a sensación eléctrica vai desaparecendo da boca. Por sorte non teño na casa botón de sechuan, porque me temo que causen adición. É como aquila montaña rusa de Busch Gardens, en Tampa (Florida), que cando caías en picado mirabas aló no fondo uns enormes crocodilos… viviños e coleando. Y eu quería subir mil veces máis