February 23rd, 2009Rosquillas de Amparo
Cada Antroido, na casa de meus avós, en Ferreira do Valadouro, e na casa de Amparo, en Tras dos Ríos, había algo que na miña casa non se cociñaba: rosquillas. As rosquillas que Amparo, viúva de meu tío Fernando, cociñaba na súa casa e na dos avós. E ás dúas ía eu sempre probar o manxar.
Os avós e Amparo xa non están, pero a tradición das rosquillas segue na casa das primas, así que algunha vez teño ido comelas alí, pero como desta volta non podía ser, que paso o Antroido en Girona, no Forum Gastronómico, aproveitei que o meu fillo tiña que levar algunha larpeirada da época para a festa do colexio e botei man da fariña.
Para estas rosquillas hai que preparar unha masa igual que a das orellas. “Pero máis dura”, me dixo Amparo o día que lle pedín a receita.
Así que amasei fariña, ovos, reladura de limón, unha culleradiña de royal e un chorriño de anís. E despois derriba do granito da encimera seguín amasando e engadindo fariña ata que conseguín unha masa máis compacta que a das orellas.
Despois de repousar durante unha hora aproximadamente fixen pequenas bólas de masa, do tamaño dunha noz pequena, e estirei cada unha delas entre as mans, facendo un roliño de masa dun diámetro inferior ao dedo meimiño co que formar as rosquillas.
De seguido á tixola, fritíndoas en aceite de xirasol ben quente ata que estaban douradas.
Fritas tódalas rosquillas, puxen nunha cazola azucre, un pouco (pouco) de auga e un pouco de anís. E ao lume. Déixase cocer uns minutos e de seguido, cun chisco de lume debaixo da cazola para que non arrefríe o xarope, pásanse as rosquillas por el e vanse poñendo nunha fonte por capas, non sen antes botarlles por derriba algo de azucre, segundo o gusto de cada un.
Pasadas dúas ou tres horas a parte superior das rosquillas, a que recibiu o azucre, estará seca, momento no que se pasan a outra fonte dándolles a volta para descubrir que a parte de abaixo aínda está húmida por mor do xarope. Vólvese e botar azucre e déixase outras dúas ou tres horas. Ou ata o día seguinte, que foi cando fixen a foto que acompaña ao post.
Comendo a primeira lembrei a meu pai e miña avoa materna, dos que aprendín que o Antroido é un estado de ánimo e non un baile de máscaras. O importante nestas datas é o que se leva por dentro. Por fóra vale calquera cousa
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico






23 February 2009 a las 20:43
Aquelo era o autentico espiritu do Antroido.Quedan as lembranzas. Un ano de estos, xuntamonos e liamola. Unha aperta.