Multitudinaria. Así foi a inauguración da Aula de Cociña que Porto Muíños abriu na urbanización da Barcala, en Cambre (A Coruña), co obxectivo de dar a coñecer dende alí toda a gastronomía galega e os mellores produtos do país.

Un show cooking de Marcelo Tejedor serviu para abrir as actividades que se van desenvolver nesta aula e que proximamente se poderán consultar na páxina web da empresa. A sala, equipada como a cociña dun restaurante, estaba a reverter de público, mentres varias ducias máis de persoas seguían a sesión a través dunha pantalla de televisión instalada noutra estancia na que se expoñen non só produtos de Porto Muíños senón tamén doutras empresas agroalimentarias galegas.

Despois da demostración de Marcelo, que realizou varias receitas con algas, os convidados degustaron as especialidades realizadas entre outros polos cociñeiros Daniel Pulzoni e Miguel Silvarredonda.

Non foi fácil trabar conversa con moitos dos asistentes dada a saturación de xente no local, pero por alí vimos a Beatriz Sotelo e Juan Crujeiras (A Estación) a piques de marchar para Madrid onde o martes teñen que preparar comida para 1.500 persoas, a Ramón Mandiá, director comercial de Feiraco, Antonio Rodríguez, da consellería de Pesca, Waldo Carreiras, da de Medio Rural, Juan Vieitez, de Anfaco, Daniel Hughues, responsable de Valrhona, así coma o alcalde de Cambre, Antonio Varela (PSOE) e o deputado do BNG Carlos Aymerich.

Volveremos a falar, e moito, sobre esta nova iniciativa de Antonio Muíños