Aceite de QuirogaEstán tolos estes de Quiroga” dirá Obelix no caso de que algún día se publique o album “Asterix e Obelix na Ribeira Sacra“, que seguramente está xa debuxado pero moi gardadiño para unha ocasión especial.

Na viñeta en que tal exclama, o galo mira como algúns de Quiroga, no sur da provincia de Lugo, se afanan en recoller as olivas de oliveiras que ben puidera ter contemplado no seu tempo o Conde Lemos. Falo, claro, do Conde de Lemos ao que puido suceder Pardo de Cela a finais do século XV, posibilidade que puido ser a causa, segundo o historiador experto na cuestión Antón Meilán, que lle custou a vida ao Mariscal.

Porque din que en Quiroga hai oliveiras que poderían acadar os 500 anos de idade. E seguen a producir.

Conta Manuel Gómez, de Val de Quiroga, unha das dúas marcas de aceite da zona, que por alí hai unhas oito mil oliveiras, das que estarían en produción arredor de dúas mil. Moitas son centenarias, pero tamén as hai que comezan agora a producir aceite, como nos explica Manuel Mondelo, de Aceiroga, a outra marca de aceite quirogués: “Este ano a colleita foi boa, e deron olivas as oliveiras vellas e tamén as novas“. Tanto Gómez como Mondelo plantan novas oliveiras cada ano, e cada ano buscan coller máis olivas e producir máis aceite.

Na colleita de 2008, xa rematada inda que pendente de envasar, poderían saír ao mercado entre 1.600 e 1.700 litros de aceite de oliva galego baixo as dúas marcas citadas. Val de Quiroga calcula que poñerá no mercado arredor de 1.500 botellas de medio litro (750 litros de aceite) e Aceiroga podería comercializar arredor de 900 litros en botellas de medio  e cuarto de litro. A estas cantidades haberá que sumar o que leven á Mostra do Aceite de Quiroga os cinco colleiteiros que participan na mesma, que pode chegar en total a uns 500 litros, vendidos en botellas de cuarto.

Polo momento non hai data para a Mostra de 2009, segundo indica Guillermo Nogueira, propietario do muíño de Bendilló, o último muíño tradicional, movido por un burro, que queda na zona en funcionamento, despois da súa restauración e no que se celebra dita mostra. “Aínda temos que xuntarnos para decidir a data“, asegura Guillermo, quen tamén di que previsiblemente a Mostra será en marzo, como é habitual, “para agardar que o tempo mellore”.

Pero aínda faltan dous ou tres anos para que a produción de aceite de oliva galego teña unha certa entidade. Será aló por 2010 ou 2011, cando comecen a producir olivas as 25 hectáreas de oliveiras plantadas na provincia de Ourense, en montes comunais, co apoio da Consellería de Medio Rural. Trátase de 37.000 oliveiras de distintas variedades, incluída a “galega” procedente de Portugal. A única empresa galega que envasa e comercializa aceite de oliva a gran escala, Aceites Abril, será a encargada de elaborar o aceite coas olivas ourensás, agardando chegar a preto de 60 mil litros ao ano de aceite de oliva galego en pouco tempo.

A estas alturas do conto Obelix xa dubida. Máis despois de escoitar a Manuel Mondelo dicir que o do aceite é un negocio máis seguro que o do viño: “Vendo todo o que produzo sen saír da casa”.