Salmon marinado con requeixo da CapelaA pouco máis dunha semana do comezo de MadridFusión, resulta curiosa a falta de información nos medios galegos sobre a presenza da nosa gastronomía e cociñeiros no congreso, que é máis importante que en calquera ocasión anterior.

Abrirán as intervencións galegas en MadridFusión Ana Gago (Casa Pardo, A Coruña), Marcelo Tejedor (Casa Marcelo, Santiago de Compostela) e Xosé Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe, Poio), cunha ponencia patrocinada pola Xunta de Galicia que se titula “El gran icono de la cocina del pescado: la Merluza de Celeiro“. Será a última intervención na tarde do luns, 19 de xaneiro.

Ao día seguinte chégalle a quenda a Beatriz Sotelo (A Estación, Cambre), gañadora en Barcelona do título “Cocinero del año”, que se encargará da comida-degustación ofrecida pola Xunta de Galicia a tódolos participantes no Congreso.

O xoves 22 abrirá a xornada Pepe Solla, cunha ponencia titulada “El mar a baja temperatura. Cocciones milimétricas del pescado“.

Tamén estarán en MadridFusión Iago Castrillón (Ácio, Santiago de Compostela) e Xesús Hevia (Casa Pardo, A Coruña) participando na fase de selección do cociñeiro español que participará na segunda edición do Concurso Internacional C3 Circle De Chef, patrocinado por Valrhona. So un pode gañar, pero oxalá o premio veña para Galicia, que é a única comunidade que conta con dous cociñeiros no concurso.

Primicia

Colineta pode ofrecer como primicia a lista de petiscos que poderán degustar os congresistas na comida do día 20, cociñados por Beatriz Sotelo. Son os seguintes:

Empanada de berberechos feita como na casa.
Ensalada de lumbrigante e vinagreta de feixoas.
Salmón marinado con encurtidos e requeixo da Capela.
Lata de coprinus comatus con mexillóns de Galicia e o seu escabeche emulsionado.
Xurel marinado con mousse de pementos y pan de millo.
Fabas de Lourenzá guisadas con polbo de Malpica.
Boliñas de grelos, roxóns e queixo San Simón.
Consumado de caldo galego con cachucha.
Pescada de Celeiro no seu punto de cocción con espuma de algas.
Canelón de galiña piñeira con mollo de asado e trufa.
Mousse de queixo de Arzúa-Ulloa con sopa de marmelo.
Pastel de licor café, chocolate e améndoas.
Torta de castañas con fiúncho.