Co comezo do ano chega a primeira noticia, diferida, do cuco. Don Álvaro Cunqueiro, ao que xa notarían que reverencio, daba tódolos anos noticia, nos seus artigos xornalísticos, da chegada do cuco a Galicia, e con el a primavera e o remate, iso din, da temporada da lamprea.
Hoxe, 2 de xaneiro, ábrese oficialmente a temporada de captura de lampreas no remate do río Ulla, para en semanas posteriores irse abrindo as outras zonas lampreeiras deste río e os do sur da provincia de Pontevedra, co Miño á cabeza, que é o gran río lampreeiro de Galicia.
Tódolos interesados polo mundo da lamprea teñen a obriga de peregrinar, unha vez polo menos, a Arbo, que se autotitula “capital da lamprea” e non lle vai mal o lema. No Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea pódense ver unha imáxenes certamente insólitas deste animal, pouco coñecido por todos. A min paréceme que dito centro esta pouco e mal aproveitado pola escaseza de contidos, pero o video que proxectan alí é certamente interesante. Despois non debe faltar á súa cita coas pesqueiras. Din que en Arbo hai máis de 200 e algunhas delas están mesmo ao pe da vila, na zona onde construíron a ponte internacional que comunica Galicia e Portugal, recentemente convertidas por min en escenario dunha lenda imaxinada. Un pequeno paseo fluvial percorre a marxe do río e dende el o acceso ás pesqueiras é moi sinxelo, sen precisar ningunha habilidade especial pódense pisar esas pedras que levan séculos servindo para capturar o peixe, tantos que algúns lles atribúen orixes romanas.
Visto o centro de interpretación e as pesqueiras, e sendo temporada de lamprea, son moitos os restaurantes da zona onde a serven, e para iso existe a “ruta da lamprea” profusamente anunciada pola vila. En Arbo cómese a lamprea á bordelesa e tamén seca e curada, que permite dispoñer dela durante todo o ano.
Nas beiras do Ulla non se estila a lamprea curada, sendo a bordelesa o prato estrela e o timbal de lamprea, antano común e hoxe case exclusivo de Chef Rivera, a preparación máis destacada. Pero hai moitas outras maneiras de cociñar a lamprea en Galicia, receitas populares unhas e outras de autor, como demostra o propio Rivera no menú exclusivo de lamprea que prepara tódolos anos.
Tamén os interesados na lamprea teñen cita na súa librería, xa que a finais de 2008 saía do prelo o libro de Miguel Piñeiro “Lampreas e pesqueiras” (Editorial Galaxia), que recomendo aos lectores en galego e a quen, sen prexuízos, non teña medo de ler no noso idioma inda sen coñecelo a fondo. Hai libro para todos: os amantes da historia, da xeografía, da pesca e da gastronomía. E os amantes da receitas atoparán aquí algunhas moi interesantes e populares, que demostran que a lamprea non so serve para facer á bordelesa.
Non sei o que tardará en chegar a primeira lamprea ás redes dos valeiros, o colectivo de pescadores de Pontecesures que primeiro saen na súa captura, pero asegúrolles que terán boa nova dela a través dos xornais, como xa pasou en 2008. Daquela, en compaña dalgúns amigos, tiven o privilexio de comer a primeira lamprea do ano.





