Hoxe veu a luz a última aventura galega no mundo da comunicación, o Xornal de Galicia, a quen deus garde moitos anos aínda que non nace no mellor momento económico e, non nos enganemos, detrás de todo xornal hai unha empresa, e os empresarios da comunicación buscan influencias e diñeiro, non sei se por esta orde ou por calquera outra.

Merquei o Xornal a primeira hora e boteille unha ollada detida a todo o que me pareceu interesante, porque como en todo primeiro número hai moito de parabéns para o recén nacido e os seus papás.

Decepcionoume non atopar unha soa referencia á un sector tan importante para Galicia como é o gastronómico. O noso sector primario, agrario e pesqueiro, ten aínda un peso moi grande na economía galega. E non digamos a hostalería e a gastronomía como motor turístico. Pois nada, nin unha palabra ao respecto, nin un cociñeiro entre os moitos nomes que aparecen ao longo de arredor de 160 páxinas, entre xornal e cuadernillo de lanzamento.

Fai un momento Makeijan sacoume do erro. Unha dobre páxina á que non fixen moito caso fala dos “Roteiros pola historia de Galicia”. O roteiro gastronómico nace no século XVII coa industria conserveira e segue coa publicación de La Casa de Lúculo (Julio Camba), A Cociña Galega (Alvaro Cunqueiro), o primeiro restaurante de Toñi Vicente, a creación das denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, a publicación de A lume manso (Xavier Castro) e o nacemento do Grupo Nove, para rematar no século XXI co nacemento dos Blogogastrónomos, que foi como nos denominamos ao comezo para definitivamente rebautizarnos hai meses como “blogastrónomos”. Hai uns días a publicidade do xornal prometía “retraso cero”.

Que nos consideren “historia” non sei se me alegra ou me preocupa

Ilustración tomada de Another Cow In The Corn