© Colineta, 19-11-2008.- Descoñezo, como case todo o mundo, os criterios da Guía Michelín para outorgar as súas estrelas. Vaia iso por diante.

Pero teño a sensación de que con Toñi Vicente a guía se pasou dous pobos, porque me contan que Toñi non so perde a súa estrela senón que ademais desaparece literalmente da guía. Para Michelín 2009, Toñi Vicente non existe, e non se me ocorre máis razón para este tratamento que o problema habido coas vieiras furtivas.

Certo que se trata dun asunto importante. Certo que anda polo medio a seguridade alimentaria, algo no que ningún restaurante pode descoidarse. Pero non menos certo é que o único que distingue o caso de Toñi do de outros moitos é que os pecados dela saíron en portada de numerosos medios de comunicación e os dos demais non.

E, que queren que lles diga, eu sigo con grandes dúbidas sobre o emprego de aditivos na cociña, por moito que algúns me vaian contestar que se trata de produtos legais e admitidos pola normativa, cousa que é certa, pero non menos certo é que a normativa de aditivos se refire ao seu uso pola industria e non nas cociñas dos restaurantes.

Se o problema de Toñi coa seguridade alimentaria é causa suficiente para borrala do mapa, deberían comezar a suar os cociñeiros que empregan faba tonka nas súa sobremesas. É moi fácil atopar o texto legal que di taxativamente que o seu uso, e o da cumarina que contén, está absolutamente prohibido polos seus efectos anticoagulantes. Eu busquei a norma que anule esa prohibición e non din con ela. Pero cada día atopo máis faba tonka na miña sobremesa. Sorte que non teño problemas de coagulación

ACTUALIZACIÓN: La Voz de Galicia publica un titular no que di “Toñi Vicente pierde su única estrella pero permanece en la Guía Michelín” mentres no texto din que ademais de perder a estrela desaparece da guía.

No texto hai un enlace coa información na que se daba conta da detención da cociñeira. É a primeira vez que vexo un enlace dentro dunha información de La Voz de Galicia.