© Colineta, 18-11-2008.- “Amigos, hai que facer algo con urxencia porque estamos todos en perigo“, anunciou a papuxa, que ao ser un ser alado ten máis facilidades para moverse de aquí para aló, e ao ser pequena pode escoitar calquera conversa allea sen que os demais se decaten. No souto xuntáranse coa papuxa a lebre, o xabaril, o corzo e a perdiz. O coello mandou aviso para que desculpasen a súa ausencia.

¿E logo cal é o problema tan grave que nos pon en perigo?“, preguntou a lebre, disposta a emprender a carreira ao primeiro cheiro a home ou a can.

O perigo son os blogastrónomos, que xa teñen encargada a caza para a xantanza nas Nogais“, retrucou a papuxa.

Seguro que queren xabaril“, dixo o xabaril, engadindo un “hai que facer algo de inmediato” mentres comezaba unha carreira que o ía levar moi lonxe. O xabaril era o máis afouto dos presentes naquela xuntanza, pero unha cousa é a valentía e outra correr un risco innecesario. E mentres cruzaba á carreira soutos e fragas, atravesaba congostras e balados, pensaba o xabaril na sorte que sería atopar por alí a Fiz de Cotobelo, a ánima creada por Wenceslao Fernández Flórez no seu “Bosque animado”, que ben lle podería explicar a maneira de chegar ata a Habana, a onde Fiz fora unha vez na compaña da Santa Compaña, e valga de novo a redundancia, que en catro párrafos xa van dúas.

Non parou o xabaril de correr ata que chegou ao mar. “Estou salvado“, pensou, imaxinando que a Habana o agardaba ao outro lado daquel enorme charco que se presentaba ante os seus ollos. E sen pensalo dúas veces volveu a demostrar a súa valentía botándose a auga e comezando a nadar con tódalas súas forzas.

É un xabaril” escoitou de súpeto, e ao volver a mirada puido ver como se lle achegaba unha pequena embarcación dende a que lle tiraban unha corda.

Rediola -pensou- xa me colleron estes lambóns“. E preferiu afogar antes de entregarse aos que el pensou eran os blogastrónomos cando en realidade non eran máis que uns navegantes, ignorantes das súas intencións, que pretendía devolvelo á terra.

Morreu sen saber que cando el botou a correr o xabaril que ían comer os blogastrónomos xa estaba na pota.

E non é conto