Á procura do cogumelo é o programa que a empresa de turismo alternativo Meigalicia desenvolve nos catro primeiros fins de semana de novembro en colaboración con Turgalicia.

Por un prezo de 77 euros por persoa (40 no caso de menores de 13 anos), os participantes teñen dereito a dúas noites de estancia nunha casa de turismo rural en réxime de habitación e almorzo, curso de iniciación á micoloxía e comida campestre.

Na foto, remitida por Meigalicia, aparecen os participantes no cursiño da pasada fin de semana, non sei se antes ou despois da súa comida campestre composta de empanada de bacalao, empanada de carne, tortilla de patacas, embutido de porco celta, pan, castañas asadas, pasteis, café e bebidas variadas.

© Colineta, 10-11-2008.- Que as cousas non andan moi boiantes nestes días para a restauración é cousa ben sabida. Cada un loita contra a crise como pode ou sabe e se hai poucas semanas tratábamos aquí da implantación dun menú de crise no restaurante cambadés Pandemonium, agora é a cociñeira Toñi Vicente a que o fai.

Dende hai días Toñi Vicente ven ofrecendo un menú ejecutivo que o pasado venres se compoñía de:

- Aperitivo
- Salmón mariñado, gelée de tomate e xelado de queixo do Cebreiro.
- Risotto de moluscos e algas.
- Xarrete estufado con verduriñas.
- Sobremesa da casa.

Acompañado con Valtea (D.O. Rías Baixas) e Anta (D.O. Ribera del Duero) o prezo é de 35 euros máis IVE, é dicir, 40,6 euros.

O menú degustación habitual do restaurante continúa en 91,64 euros (IVE incluído), con bebidas aparte.

© Colineta, 10-11-2008.- “As distintas uvas de Rías Baixas” é o título da conferencia que un sumiller da denominación de orixe Rías Baixas dará no marco da semifinal do concurso “Nariz de Oro” que ten lugar en San Sebastián o 11 de novembro.

Rías Baixas participa como expositor a longo de todo o certame, considerado como maior concurso de España en cuestión de viños, que organiza a revista Vino y Gastronomía

© Colineta, 10-11-2008.- Tradicionalmente novembro é, en Galicia, tempo de magostos e matanzas, que co San Martiño chegaban masivamente. Agora é tamén o mes das estrelas Michelín, xa que é en novembro cando sae á rúa a nova edición da guía que todos coñecemos e case ninguén usa, polo menos a nivel popular. Recoñezamos dunha vez que nesto da gastronomía aínda queda un longo percorrido ata conseguir achegar os gustos populares e os mediáticos. Saian polas vilas galegas, falen coa xente, miren que comen, onde e como e vexan que a alta cociña é aínda couto dunha minoría.

Como minoritaria é a famosa guía amarela, que tantas dores de cabeza causa cada outono aos que están nela pero lles gustaría ver incrementado o número de estrelas, aos que temen perdelas, aos que temen non gañar a primeira inda que o desexan con todas as súas forzas… e aos que agardamos saber que vai pasar, que tamén eu estou escribindo sobre o asunto.

Din que a guía está xa na imprenta e, polo tanto, todo o peixe vendido, pero a información non transcenderá ata a noite de presentación da nova edición. As quinielas, pola contra, están moi presentes en internet, tanto en artigos coma en comentarios. E Galicia está nesas quinielas.

Eu non vou entrar en predicións, que onte se me fundiu a fonte de alimentación da bola de cristal, pero resumo de seguido o que máis se le nos blogs e escoita en conversas privadas: din que o máis firme candidato a gañar a súa primeira estrela é Pepe Vieira Camiño da Serpe. Nunha segunda escala de posibilidades estarían A Estación e Galileo. Repítense tamén con frecuencia as apostas, e moitas veces os desexos, de que chegue a Galicia o primeiro bi-estrelado. Casa Marcelo sería, segundo uns e outros, o que máis posibilidades tería de levar esa segunda estrela e o que máis a merece.

Insisto en que todo o dito se pode ler en blogs galegos e foráneos e que non se trata da miña predición nin do meu desexo. Eu desexo para Galicia un cento de estrelas máis. Queda menos para ver cantas castañas e castañazos se reparten

Actualidad

    sígueme en Twitter

    © 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura