Volve Santiago repetirás, o programa de desestacionalización turística deseñado por Turismo de Santiago para os meses de novembro a marzo, segundo indicou en rolda de prensa o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.
Se o ano pasado o prato forte do programa foron as sesións de cociña realizadas polos principais cociñeiros galegos, desta volta o programa terá talleres gastronómicos para rapaces, cata con maridaxe de produtos (queixos, conservas, embutidos) e viños galegos, e talleres nos que os maiores poderán facer a compra e cociñar da man de chefs da talla de Marcelo Tejedor, Pedro Roca ou Iago Castrillón, entre outros.
Iglesias anunciou tamén rutas de cociña e tapas. No programa participarán 31 establecementos composteláns e cinco turoperadores de toda España.
A próxima fin de semana celébrase a segunda edición das xornadas da reserva da Biosfera “Área de Allariz”, nas que terá protagonismo o responsable do blog galego La cocina delokos, que impartirá un taller de merendas saudables co que pretende concienciar aos pais e nais da importancia da merenda dos pequenos.
Este domingo (2 de novembro) en Arroz con chícharos (Cadena Ser Galicia, 12,30 horas) acompañaranos Eugenio García, responsable do blog, para profundizar no tema
Nestes días as pastelerías galegas fártanse de despachar ósos de santo, unha sobremesa tradicional destas datas que hai máis dun século xa estaba entre nos. Non hai, pola contra, os buñuelos de vento, que daquela tamén se estilaban. Nalgunhas zonas do país tamén se comen as chulas de cabaza, e noutras coa cabaza de onte faise un rico caldo. Como sobre todo isto xa escribín noutro tempo, limítome a traer á portada este recordatorio