September 24th, 2008Xosé Cannas representará a Galicia no Forum de Cambrils
![]() |
| De Colineta |
O cociñeiro pontevedrés Xose Cannas, do restarurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, será o representante galego no congreso sobre a cociña do mar que terá lugar en Cambrils a finais de outubro
A presenza de cociñeiros galegos en eventos culinarios fora de Galicia é cada vez máis frecuente. Trátase dun feito que demostra que Galicia xa non só interesa polo seu produto senón tamén pola súa cociña e cociñeiros, especialmente os das últimas fornadas.
Hai pouco máis dun mes falaba da presenza galega na próxima edición de Madrid Fusión e hai poucos días das intervencións de Marcelo Tejedor e Antonio Botana en eventos culinarios de Perú e Pamplona respectivamente.
Agora chégalle a quenda ao Forum del Mar que se vai celebrar en Cambrils (Tarragona) do 26 ao 28 de outubro. O Forum de Cambrils seguirá o mesmo esquema que o dos Forums de Xirona e Santiago de Compostela, inda que neste caso a duración so será de tres días no canto dos cinco habituais. En Cambrils haberá un día aberto ao público (domingo 26) e dous días de congreso profesional, nun esquema que recolle o mellor das feiras abertas a todo o mundo e os congresos pechados só para profesionais, que non deben esquecer que é precisamente o público a razón de ser da súa existencia e dos seus negocios.
Galicia será territorio convidado en Cambrils, con presenza de empresas e produtos galegos do mar e, naturalmente, da nosa cociña mariñeira. Deste último apartado encargarase Xosé Cannas (restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe). Cannas falará no congreso profesional sobre “A paisaxe culinaria da nova Galicia”.
Previamente, o domingo desenvolverá un taller de cociña dirixido aos amantes da gastronomía, que compartirá co catalán Jeroni Castell e que leva como título “Cataluña-Galicia nos fogóns”.
A maridaxe de produtos do mar e viños de Galicia estará presente tanto no congreso profesional como no día aberto ao público, que poderá coñecer algúns produtos galegos de primeira calidade como as navallas de Aldán ou as volandeiras de Cangas, así coma os mellores viños galegos.
O Forum conta tamén cun apartado feiral no que estarán presentes algunhas das empresas galegas punteiras no mundo dos produtos do mar.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico







11 October 2008 a las 8:30
[…] lugar en Cambrils del 26 al 28 de octubre, con la presencia de productores gallegos, el cocinero Xosé CannasPepe Vieira Camino da Serpe), y la Consellería de Pesca de la Xunta de Galicia. […]