A consellería de Pesca da Xunta de Galicia aprobou un plan experimental para a explotación de anémonas mariñas por parte das confrarías da Coruña, Barallobre e Cangas, que poderán coller anémonas entre o 16 de setembro e o 15 de decembro deste ano. O tope de capturas fíxase en 35 quilos por embarcación e día. As anémonas capturadas deberán ter un peso mínimo de 15 gramos.
Pódese atopar máis información na web da consellería.
A foto da anémona foi feita en Ribeira por chausiño.
Os irmáns Cannas, Xosé e Xoán, propietarios do restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe impartirán senllos cursos de cociña e de introdución á cata de viños na Aula de Cociña Caixanova.
O cociñeiro, Xosé, impartirá un curso de “Cociña para independentes” dirixido aos que queren iniciarse nunha cociña sinxela e con solucións fáciles. Para profesionais da hostalería haberá un curso de “Cociña ao baleiro” e finalmente Cannas impartirá un curso de “Cociña de festas”. Os cursos terán lugar nos meses de outubro, novembro e decembro.
Xoán, o sumiller, impartirá un curso de “Iniciación á cata de viños” no mes de outubro, que se repetirá en decembro.
A Aula de Cociña de Caixanova acollerá outra longa serie de cursos de cociña que se poden consultar na súa web. A inscrición poderá facerse en calquera oficina de Caixanova a partir do 22 de setembro.
A fundación segoviana Dionisio Duque, Maestro Asador Segoviano, concedeu o seu premio a Pepe Solla na categoría de xoven emprendedor e polo xiro innovador que lle deu a un dos principais restaurantes de Galicia.
Xunto con Solla foron premiados Marisa Sánchez, José María Ruiz Mateos e a web Vivir el vino.