Confundimos fabas e habas con máis facilidade que o touciño coa velocidade… e quedamos tan panchos

Que as fabas non son habas deberíamos sabelo todos en Galicia. Pero non. E pasa o que pasa. Cada vez que traducimos unha palabra pola outra estamos confundido o touciño coa velocidade e, o que é peor, estamos confundindo aos lectores de fora de Galicia que si saben distinguir entre habas e alubias.

Xa teño falado moito sobre o asunto e volvo a traelo aquí porque con motivo da aprobación da IXP da Faba de Lourenzá (R.I.P pola faba da Mariña) acabo de atopar un medio de comunicación galego que publica unha foto de habas superposta sobre outra de fabas. O peor do caso é que tamén descubrín que o OpenTrad, tradutor galego-castelán co que me axudo para as miñas traducións tamén fai a mesma tradución e eu mesmo acabei poñendo habas nun par de post cando debería dicir alubias. Xa arranxei o problema, froito dunha mala corrección pola miña parte da tradución ao castelán.

Non foi esta a primeira vez que vexo a foto das habas substituíndo ás fabas en medios galegos. Falo sempre de medios especializados en gastronomía, non de medios xeneralistas. Paréceme grave que un especialista en gastronomía poida confundir ambas fotos.

Porque resulta que fabas e habas nin son a mesma cousa, nin son irmáns nin primas nin tan sequera teñen a súa orixe no mesmo continente.

As fabas (alubias, judías, porotos, fréjoles… en castelán, Phaseolus vulgaris de nome científico) proceden de América, mentres as habas (Vicia faba, teño que preguntar se en galego teñen algún nome distinto de faba) suponse que proceden de Asia Central ou do Mediterráneo. As primeiras apáñanse agora, a finais de verán e comezos do outono, as segundas son propias da primavera. Coas primeiras fanse fabadas, coas segundas non.

Na primeira foto unhas espléndidas fabas da fabada que comín en Domínguez. Na segunda, tirada da conta de Flickr de Chausiño, unas estupendas habas tenras.