Non tódolos días pode un pobar o “polbo das fragas”. O 22 de agosto no Valadouro si

Que o Valadouro é un país máxico non o pode negan ninguén. Ata ao meu amigo Manolo, experto en toxos e pedras, que parece nome de orfeón pero non o é, lle escintilan os ollos de maneira especial cando fala dunha terra na que viu marabillas.

A maxia verase reforzada o 22 de agosto cando o mundo enteiro descubra como os polbos medran pendurados das árbores da Fraga das Lerias, un dos recunchos naturais más apaixonantes daquela terra, pero tamén máis descoñecido. Todos falan dela, pero poucos a visitaron, inda que a concelleira de Cultura, alcaldesa in pectore noutro tempo, ande empeñada en levar alí ata aos xaponeses.

- Mira rapaz, déixate de lerias e aclara iso do polbo das Lerias

- Tranquila señora, que para todo hai tempo.

E como os que saben da cousa din que nos blogs hai que escribir para un mesmo, eu continúo coa miña leria sen atender as demandas das lectoras impacientes.

Non cito aos xaponeses en balde. Nun tempo remoto o primeiro frigorífico que chegou ao Valadouro enchufouse na Casa de Raña, Hostal Asturias de nome oficial, onde residía Laureano en condición de copropietario. Invalido dunha perna e libre de toda ocupación laboral, Laureano era coñecido pola súa capacidade de traficar en chismes e novas, así como pola de contar trolas. Así que a chegada do frigorífico ao Raña provocou, segundo el, a chegada de curiosos de toda a comarca a bordo das rubias que entón eran o transporte público máis común da época. En memoria de Laureano, que era un tipo simpático (¿Cándo chegaches, cando te vas? era o seu saúdo a todo emigrante que atopaba pola vila), eu sigo empregando a súa mesma afirmación esaxerada cando se produce un acontecemento extraordinario, inda que a modernizo: agora son autobuses de xaponeses os que chegan ver a novidade.

- E do polbo ¿que?

- Pois xa ven o asunto, muller

Non sei cantos, pero asegúrolles que o 22 de agosto os xaponeses chegan ao Valadouro para probar o polbo das fragas, que é un animal ata o de agora descoñecido polo mundo adiante: o Octopus fragensis (var. Lerias). Polo que conta o xornal vanse cociñar 1.300 racións á feira, á prancha e en vinagreta, que se repartirán de balde. Pan e viño haberá que pagalo.

Organiza a festa a asociación cultural Fraga das Lerias, parece que coa colaboración do Concello do Valadouro, ambos moi interesados na promoción dos produtos gastronómicos propios da zona. Como se pode ler nos Contos do Valadouro, un libro no que Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Isaac Ferreira recompilaron centos de contos referidos polos veciños do concello, “Sempre se dixo que O Valadouro fora un mar. Un día, no lugar que chaman A Rabia, o mar rebentou un contén que alí había e marchou rabeando do Valadouro”. O Octopus fragensis ven confirmar a crenza popular.

Esquecíame dicir que a exaltación do polbo no Valadouro vai ser a enésima deste verán na Mariña. Imaxino que en tódolos casos, como neste de Ferreira, apoiada pola delegación provincial da Consellería de Pesca.

E agora chegan as preguntas: ¿canto polbo se pesca en Lugo?, ¿de que caladoiros procede o que se coceu en tódalas exaltacións deste verán?, ¿non poderían a asociación Fraga das Lerias e o Concello do Valadouro promocionar un produto propio do val, que os hai e moi interesantes?.

E a máis fodida de todas: ¿hai algunha afinidade política entre os representantes da asociación e os da consellería?.

ÚLTIMA HORA

O noso colaborador Filomeno Petisuis, natural do Cadramón, remítenos un documento fotográfico inédito: a imaxe do Octopus fragensis loitando pola súa comida.

Como ben é sabido, nas fragas galegas aínda non se dan as nécoras, polo que o polbo das fragas se converteu en vexetariano. Na instantánea podemos ver un exemplar de polbo a piques de dar boa conta dunha pera urraca, sempre que o seu competidor natural, o congro en salsa verde (Conger verdescente) non se lle adiante na acción predadora. As pelexas entre polbos e congros das fragas son frecuentes, e os seus resultados pódense apreciar no ollo dereito deste exemplar de octopus.