O “polbo á feira” convertese en fair-style octopus no Pequeno dicionario da gastronomía galega editado pola Xunta de Galicia
Onte atopei nunha cafetería de Santiago de Compostela o Pequeno dicionario da gastronomía galega que non hai moito presentaba a Xunta de Galicia e, naturalmente, fíxenme cun exemplar que mirei de inmediato, mentres no televisor do local a selección española de baloncesto se enfrontaba á de China.

Teño que agradecer aos autores que un dos tres libros recomendados na mesma sexa da miña autoría, pero o agradecemento non supón que vaia deixar de criticar un Dicionario con moitos erros e algúns deles certamente importantes.

Así que atopamos, polo menos dúas veces, lumbrigante traducido ao castelán como lubrigante, cando debería traducirse por bogavante. O Diccionario de la Lengua Española da Real Academia Española inclúe o tero lubigante como sinónimo de bogavante, pero sen a letra “r”. E en absoluto desuso.

No apartado do caldo galego tradúcese unto por tocino, cando nada teñen que ver un co outro. E os roxóns convértense en tocino frito cando o castelán ten unha palabra específica (chicharrones) aparte de que o touciño frito son torresmos en galego e torreznos en castelán. E os roxóns non son, evidentemente, touciño frito.

Unha costeleta é en castelán unha costilleta ou chuleta. E unha grella en castelán é parrilla, pero a costeleta á grella convértese en chuletón a la plancha.

Outros erros están na composición do cocido galego (lacón, chourizo, repolo, tenreira, galiña, patacas e legumes… ¿e a cachola, orella, rabo, soá, unllas, onde as metemos?, na preparación dos pementos de Padrón (se preparan de una forma muy sencilla, con aceite de oliva y sal… esqueceron dicir que o aceite de oliva é para fritilos).

Hai máis, pero aquí queda a cousa. En definitiva, unha boa idea regularmente resolta.