Enric Solomon Selections podería levar a Estados Unidos tres viños da Ribeira Sacra, que por outra parte estará na final dos Distinguidos Gallaecia con 15 viños

Tres marcas de viños da Ribeira Sacra poderían chegar ao mercado estadounidense a través do importador Enric Solomon Selections, cuxo representante en España, Daniel González, visitou a zona e realizou a cata de 38 viños das marcas interesadas en establecer vencellos comerciais co importador.

Segundo informa o consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra, González seleccionou tres dos viños presentados para pasar a súa información á empresa norteamericana.

Distinguidos Gallaecia

Doutra banda, 15 viños desta denominación de orixe estarán na cata final para os premios Distinguidos que concede a asociación de sumilleres Gallaecia e que recentemente realizou unha cata de clasificación na Ribeira Sacra.

En brancos os viños da Ribeira Sacra que estarán na final, que terá lugar na Coruña os días 26 e 27 de agosto, son: As Glorias 07 (Adegas Amedo, Chantada), Alma Larga 07 (adega Pena das Donas, Ribeiras do Miño), Casa Moreiras 07 (adega Casa Moreiras, Ribeiras do Miño) e Condado de Sequeiras 06 (grupo Peago, Chantada)

Polo que respecta aos tintos, clasificáronse para a final: Casa Moreiras 07 (adega Casa Moreiras, Ribeiras do Miño), Palacio de Diomondi 07 (adega Manuel López, Ribeiras do Miño), Terras Mouras 07 (adega Maximino López, Ribeiras do Miño), Abadía da Cova 07 (Adegas Moure, Ribeiras do Miño), Estrela 07 (adega Carlos Díaz, Amandi), Viña Cichón 07 (adega Domingo López, Amandi), Peza do Rei 07 (adega César Enríquez, Ribeiras do Sil), Alcouce barrica 06 (adega Chao do Couso, Quiroga-Bibei), Algueira barrica 06 (adega Algueira, Amandi), Peza do Rei barrica 06 (adega César Enríquez, Ribeiras do Sil) e Don Bernardino barrica 05 (adega Emilio Rodríguez, Amandi).