A ensalada de verano é un popular prato madrileño que tanto se serve en restaurantes e casas de comidas como se converte en tapa para acompañar a caña de cervexa

- Xefe, unha caña ben fresquiña

- Aí vai, e un pinchiño para o calor.

O taberneiro pon na barra coa caña un pequeno prato con patacas cocidas, tomate, pemento e cogombro. É a popular ensalada de verano.

Coa calor chega aos bares máis populares de Madrid, e digo populares no senso de bares do pobo, a ensalada de verano, unha deliciosa combinación de hortalizas crúas (pemento, cebola, tomate e cogombro) e cocidas (patacas), co seu chisco de sal e xenerosamente regadas con aceite e vinagre.

A ensalada de verano tamén se pode atopar como primeiro prato en moitas casas de comidas e restaurantes populares e, naturalmente, na mesa doméstica.

Para esta que vos presento aquí eu cocín as patacas sen pelar o día anterior. E ás patacas engadinlles pemento verde, cogombro e tomate. Para ilustrala un pouco puxen tamén ovos cocidos, olivas recheas e uns taquiños de atún en aceite. E completei cun aceite de oliva virxe extra da D.O. Borges Blanques e un vinagre de xerez, despois de salgar axeitadamente.

A ensalada de verano sérvese ben fresquiña da neveira e tanto fai un primeiro prato como un acompañante de carnes e peixes ou unha cea lixeira e deliciosa.

- Maestro, repita a rolda.