July 19th, 2008Casa Grande de Xanceda, un exemplo a seguir
As vacas da Casa Grande de Xanceda viven máis que a media polas súas especiais condicións de cría. E son as segundas produtoras de España de leite ecolóxico e as primeiras de iogur ecolóxico
Vacas felices. É a definición que fixo do seu gando o propietario de Casa Grande de Xanceda, Xoán Fernández Armesto. Vacas que viven en liberdade, alimentadas de forma natural e destinadas a alimentar da mesma maneira a nenos e maiores.
Chega un á Casa Grande e o primeiro que sorprende é non atopar alí un restaurante ou unha casa de turismo rural nun entorno privilexiado e coidado ata o ultimo detalle.
Foi o capricho final dun xornalista mítico dos últimos anos do franquismo e primeiros da transición, Felipe Fernández Armesto, máis coñecido como Augusto Assía, experto na Segunda Guerra Mundial, que foi corresponsal en Berlín, de onde foi expulsado polos nazis, e Londres.
O legado do xornalista sigue vivo na biblioteca da casa, pero tamén nunha explotación gandeira que comezou sendo a primeira en importar gando frisón selecto e acabou convertida na primeira produtora española de iogures ecolóxicos e segunda de leite ecolóxico.
A Casa Grande leva un tempo en tódolos xornais, despois de presentar o seu iogur junior, especialmente formulado para os mais novos, que estará no mercado en agosto.
Lamentablemente resulta mais fácil atopar os seus produtos nunha pequena vila andaluza que nunha cidade galega. Como indica o director comercial, Broder Fernandez-Obanza, aínda ningunha cadea de supermercados de capital galego se interesou polos iogures, que si venden cadeas de fóra do país.
Os iogures de Xanceda están presentes no menú de moitos colexios andaluces que optan por menús ecolóxicos, cousa que quixeran repetir en Galicia.
Pero, ¿que teñen de especial estes iogures?
Primeiro o leite, que procede integramente da propia explotación que conta con arredor de 400 animais entre vacas en produción, xovencas e tenreiras, criadas baixo os preceptos da produción ecolóxica, pastando nos pasteiros da explotación e alimentados con silo de herba e millo e con cereais. Para producir os alimentos que precisa a Casa Grande conta cun total de 160 hectáreas de terreo.
O leite ecolóxico transformase en iogur ecolóxico na mesma explotación. Na produción de iogures non ecolóxicos ao leite líquido engádeselle leite en po e xelatinas para espesalo. En Xanceda non se engade nada, senón que se extrae auga por medios físicos, obtendo os mesmos resultados: un leite máis concentrado.
Os iogures con froitas prepáranse cunha marmelada de froitas ecolóxicas e azucre moreno de cana, tamén ecolóxica. A marmelada procede de Austria xa que en España ninguén elabora o produto fresco que demanda a marca, pero unha boa parte das froitas empregadas son españolas. Broder Fernández expresa o seu desexo de que a marmelada tamén se produza en Galicia, pero de momento e imposible.
A Casa produce cada ano 1,1 millóns de litros de leite, dos que 200.000 se transforman en iogur (arredor de 1 millón de unidades ao ano) e o resto véndese a President para a súa liña de leite ecolóxico. O obxectivo da firma é chegar nos próximos anos a transformar en iogur ata 400.000 litros de leite e incluso entrar no negocio do leite fresco (pasteurizado) ecolóxico, para o que segundo Broder Fernández poderían implantar unha tecnoloxía que permite que o leite se conserve ata 20 días en condicións óptimas de consumo, fronte a aproximadamente unha semana do leite fresco que na actualidade se pode atopar non supermercados galegos, da marca Leyma.
Outro dos produtos que proximamente poderían saír ao mercado é o iogur líquido, cunha importante novidade sobre os existentes actualmente no mercado: non so sería iogur líquido ecolóxico senón que se presentaría en porcións individuais, nos mesmos vasiños que xa empregan para o resto de iogures pero cunha tapa especial que permite consumir o líquido directamente dende o vasiño.
Casa Grande de Xanceda é un exemplo do que pode ser o sector agroalimentario galego, con producións moi especializadas e de altísima calidade. Pero unha vez máis cúmprese o dito de que ninguén é profeta na súa terra e aquí so pode atoparse o seu produto en El Corte Inglés e algunhas tendas de produtos ecolóxicos e delicatessen. No resto de España hainos ata en Ikea e en Portugal atópanse na rede de establecementos de Alcampo.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico


