July 17th, 2008Fotografando fotógrafos na Praza de Abastos
Fotografar fotógrafos é unha perversión que me perde. Na Praza de Abastos de Santiago de Compostela aínda máis
Segundo datos do Concello de Santiago, o 92 por cento dos visitantes que chegan a Compostela traen a gastronomía como segundo motivo da súa visita. So queda un oito por cento, que non é moito.
Pero resulta que ese oito por cento non ten a gastronomía no segundo posto de preferencias pola sinxela razón de que está no primeiro. Dito doutra maneira, tódolos visitantes de Compostela preguntados colocan a gastronomía entre os dous primeiros motivos de chegar ata aquí. Previsiblemente, gracias ao concurso de tapas, Forum Gastronómico, talleres de cociña, tour gastronómico, Sabores de Paixón e o que virá, o oito por cento seguramente irá a menos, xa que cada día máis Compostela se está a converter na capital galega da gastronomía.
Outro dato que manexan no Concello é que a Praza de Abastos é o segundo monumento máis visitado da cidade, despois da Catedral. Cando escribo monumento non emprego un eufemismo, porque a Praza de Santiago ten a cualificación de monumento artístico.
Esta mañá tiña un tempiño libre e, xa que é xoves (o mellor día de praza en Compostela), decidín achegarme alí. Foi unha hora e media estupendamente aproveitada. Intercambio saúdos con Chef Rivera, que remataba a súa compra, e despois acompaño a Marcelo Tejedor a mercar ovos caseiros e de seguido a tomar un café con churros. Na cafetería atopamos con Manolo, de O Gato Negro, que nos convida. El tamén está na compra. Máis tarde charlo con Xosé Bermúdez que me agasalla cunhas vieiras peruanas das que falarei noutro post.
Pero o que máis me chamou a atención ao chegar á praza foi a cantidade de cámaras de televisión con que atopei.
- A invasión dos xaponeses, ¿non si?
- Pois non señora. Son os rapaces dun curso de cámara que están a realizar unhas prácticas.
Un pouco máis adiante atopei cun grupo de turistas españois que con cámaras e teléfonos móbiles non perdían ripio. Así que despois do café e de despedirme de Marcelo e Manolo decidín fotografar fotógrafos. Este é o resultado:(clic en foto)
![]() |
| Fotógrafos en la Plaza de Abastos de Santiago de Compostela |
![]() |
| Plaza de Abastos de Santiago |
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico




