O pan líquido en aerosol de Marcelo Tejedor comeza a acumular premios. Se primeiro foi o aerosol de prata, agora é o premio á idea máis orixinal, concedido por Canal Cocina na quinta edición dos seus premios, que foron entregados esta mesma semana en Madrid.

Marcelo Tejedor presentou o pan líquido na pasada edición e dende entón a idea está sorprendendo a propios e estraños, pola súa sinxeleza e eficacia, xa que con poucos minutos de forno o pan está listo. O cociñeiro compostelán emprega este pan líquido para realizar empanadas de mariscos en conserva (berberechos, ameixas…) utilizando como molde a propia lata da conserva.

Nos premios Canal Cocina deste ano tamén foron galardoados Kabuki Wellintong (mellor restaurante), Rut Cotroneo do restaurante Senzone (mellor sumiller). Ymelda Moreno de Arteaga (polo seu libro “Saberes y sabores de ayer y de hoy”), o Salón Millesimé, o programa radiofónico “Comer, beber y charlar” (Gonzalo Sol, Radio Intereconomía). Os espectadores de Canal Cocina elixiron como mellor programa do canal ao espazo “22 minutos”.