- ¿Que hai para comer?

- Ensaladilla, contesto.

- Beeeen

Máis ou menos esta vai a ser a conversa cando os rapaces volvan da piscina dentro dun pouco co apetito estimulado polo exercicio na auga. Se hai ensaladilla o resto xa non importa, así que hai que facer unha boa fonte, como sempre pasou na casa de meus pais, onde todo o mundo devecía por este prato.

Claro que non é unha ensaladilla calquera. Eu non sei de onde sacou miña mai a receita, así que terei que preguntarlle. Descoñezo se é herdanza familiar, se a aprendeu en Cuba, ou cal é a súa orixe. Pero o que si sei é que se trata dun prato delicioso, ata vicioso, que gusta, e moito, a todo aquel que o proba.

Pois aquí vai a receita.


Hai xa algunhas semanas que falamos del en Arroz con Chícharos (Cadena Ser Galicia), e un dos responsables da firma aseguraba que se presentaría a comezos de xullo. Estou a falar do primeiro iogur ecolóxico dirixido especificamente aos nenos, cunha formulación especialmente pensada para satisfacer as necesidades nutritivas dos máis pequenos.

Finalmente a presentación vai ser o próximo 2 de xullo no concello coruñés de Mesía, onde se atopa a sede de Casa Grande de Xanceda, que é, xunto coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo (dependente da Universidade de Santiago de Compostela), a responsable do novo produto.

Non é de estrañar que o novo iogur sexa obra desta firma galega, na actualidade o principal produtor español de iogures ecolóxicos e unha das primeiras en produción de leite ecolóxica.

Polo que respecta á Aula de Produtos Lácteos, non é a primeira vez que desenvolve produtos que supoñen unha novidade mundial, como foi o caso do Laban de longa duración que produce a firma Feiraco.

O novo iogur de Casa Grande de Xanceda ten incluso o seu propio blog.


Quinta do Buble (D.O. Monterrei), e Joaquín Rebolledo Barrica 2006 (D.O. Valdeorras), nas categorías de branco e tinto respectivamente, foron considerados os mellores viños de Galicia na XX Cata dos Viños de Galicia, que rematou hoxe en Monforte de Lemos. Participaron 223 marcas de 156 adegas.

Os restantes viños premiados foron os seguintes:

D. O. Ribeiro

1º Acio de Ouro: Casal de Armán

2º Acio de Prata: Gomariz X

3º Acio de Bronce: Pazo Do Mar Expresión

D. O. Valdeorras

1º Acio de Ouro: Erebo

2º Acio de Prata: Viña Abad

3º Acio de Bronce: Viña Somoza Godelllo Selección

D. O. Rias Baixas

1º Acio de Ouro: Finca De Arentei

2º Acio de Prata: Martin

3º Acio de Bronce: Pazo da Bouciña

D. O. Ribeira Sacra

1º Acio de Ouro: Algueira

2º Acio de Prata: Adega Barbado

3º Acio de Bronce: Peza do Rei

D. O. Monterrei

1º Acio de Ouro: Pazo de Monterrei

2º Acio de Prata: Fragas do Lecer

3º Acio de Bronce: Ladairo Blanco

Colleiteiro branco

1º Acio de Ouro: Viña Axentea

2º Acio de Prata: Castro de Lobarzan

Colleiteiro tinto

1º Acio De Ouro: Castro De Lobarzan

2º Acio de Prata: San Mamed

3º Acio de Bronce: Estrela

X Cata das Augardentes de Galiza 2008

Ao mesmo tempo realizouse a X Cata das Augardentes de Galicia, na que participaron 26 marcas, co seguinte palmarés:

1º Pote de Ouro: Pazo Señorans

2º Pote de Prata: La Val

3º Pote de Bronce: Quenza


- Será roñoso, tres olivas para acompañar unha caña de cervexa, dixen aquel día de finais de 1976 en que uns amigos me levaron a un dos locais máis curiosos daquel tempo en Madrid, unha taberna na que o tempo se detivera moitas décadas antes excepto para ir deteriorando a madeira que compoñía a práctica totalidade do interior do lugar.

- Xa veremos se as acabas, contestou un dos meus amigos. Pois resulta que o labor non foi fácil, porque aquelas olivas picaban unha auténtica barbaridade.

Penso que o local se chamaba “Los Pepinillos” e estaba situado ou na rúa Fuencarral ou en Hortaleza, máis ou menos á altura da praza de Chueca. Pero o mesmo que non estou seguro do nome nin do emprazamento, tampouco sería capaz de asegurar que fora completamente certa a pintura que hoxe faría, de memoria, dun local que desapareceu pouco tempo despois porque o edificio estaba en ruínas, case coma o local, e foi derribado para construír un edificio novo. O que nunca esquecerei é como picaban as olivas que poñían coa cervexa aos que se atrevían co picante.

Outras olivas picantes que lembro moi ben mercábaas nunha tenda tradicional, especializada en encurtidos, ao pe do mercado de Torrijos, na madrileña rúa de Hermosilla. Olivas aliñadas e picantes, inda que moito menos que as de “Los Pepinillos”, certamente deliciosas.

Vénenme á cabeza aquelas olivas picantes porque hoxe atopei as da fotografía, recheas de jalapeño, en Mercadona. Sinxelamente deliciosas para quen lle guste o picante lixeiro, inda que os non afeccionados sempre dirán que abrasan. Contos.


A finais de marzo escribía sobre uns supostos “tacos de polbo” que na relación de ingredientes declarábanse como lura e ao final resultaba ser potón do Pacífico. Pois volvo sobre a cuestión, pero máis preocupado aínda que entón porque o que onte atopei no supermercado vai un paso máis aló.

Mirando unhas conservas de sardiñas e xardas reparei nunha lata, que podedes ver na foto, que anuncia polbo-lura. Como estaba sobre aviso imaxinei que este envasador de potón decidira mellorar algo a etiquetaxe e tomei unha lata na miña man. Pór na etiqueta polbo-lura e non simplemente polbo considéroo unha mellora na etiquetaxe xa que levará ao consumidor a interesarse por saber certamente que hai dento da lata, pero segue sendo unha etiquetaxe que semella enganosa: se dentro non hai polbo non pode a etiqueta dar a entender que si, e menos coa foto que aparece na caixa.

O asunto é que cando miro a lista de ingredientes, esperando atopar o Dosidicum gigas, doume de narices cunha lista de ingredientes que di polbo, aceite vexetal e sal en cinco idiomas: castelán, francés, inglés, alemán e portugués. Polbo, poulpe, octopus, polyfisch e polvo pódese ler na declaración de ingredientes.

Abro a lata e atopo o que se ve na seguinte foto. O peso escorrido é de 72 gramos e o prezo da lata de 75 céntimos, polo que este falso polbo sae a algo máis de 10 euros o quilo. A textura e o sabor é o mesmo que o do potón en conserva, unha merda, con perdón.

No andel inferior do supermercado repetíase a situación con outra lata similar, neste caso de Palacio de Oriente, a máis dun euro a unidade.


Tapas e máis tapas, todas pensadas para triunfar, se poderán degustar a partir desta fin de semana en Vigo e Santiago, no marco dos seus correspondentes concursos de tapas. Nos dous casos o concurso continuará ata o 13 de xullo.

No caso de Vigo é xa a terceira edición dun concurso que se limita ao casco vello da cidade e que conta unicamente coa participación dunha ducia de locais que servirán tapas diversas ao prezo dun euro.

Os locais participantes no concurso vigués e as tapas que ofrecen son os seguintes:

La Carbonara, mini espetada de carne con salsa ao funggi
Creperie do Mar,
crepe tartar ou boursin de saumon
Herba Luisa,
cabaciña ao curry
Trastévere,
filloa mixta
Marisquería Bahía,
revolto de zamburiñas ao suspiro de pomarola e herbas silvestres
Petiscos, petisco delicia da Ría
Mama Oko,
mini espetada tandoori con salsa verde de cilantro
Vinoteca A Meiga,
montadito Á Meiga
A Curuxa,
collóns de crego
Pita Tola,
ceviche
La Comidilla,
quevirantes
Alta Fidelidade,
mexillóns ao estilo Alta Fidelidade
Gout Doux,
mar adentro.

45 locais en Compostela

Polo que respecta a Santiago de Compostela, na primeira edición do concurso de tapas “santiago(é)tapas” participarán un total de 45 establecementos que ofrecerán máis dun cento de tapas diferentes.

Entre as novidades que presenta o concurso de Santiago está a creación do tapasporte, que permitirá acreditar o paso dos clientes polos diferentes locais das rotas establecidas, de maneira que haberá premios seguros para os primeiros clientes que completen polo menos unha ruta de tapas.

Na web de santiago(é)tapas hai xa abonda información sobre o tapasporte e a súa forma de uso e en breve poderán coñecerse os locais participantes no concurso, as tapas que presentan e ata as receitas empregadas para a súa elaboración.

ÚLTIMA HORA: xa se poden consultar na web os locais participantes no concurso santiago(é)tapas e as súas propostas


- Veña Xurxo, vai ti pola sobremesa e trae Tarta de Santiago para todos.

Era a primeira comida da viaxe, pero despois dunha longa mañá de visitas aos arrozais de Pals (Xirona) e ás plantacións de mazás e pexegos da cooperativa Costa Brava, o ambiente no grupo de xornalista que viaxabamos polo Ampurdán era xa moi distendido e prestábase ás bromas.

- Eso sería a ostia, respondeu Xurxo no mesmo momento en que a metade dos comensais se levantaban da mesa para ir ao buffet na busca da crema catalana ou as tortas diversas. Eu tamén fun na busca dunha pera ao viño cando me vin sorprendido pola chegada á mesa das sobremesas dunha ¡Tarta de Santiago!. Con moito éxito por certo.

Rimos con gañas a situación que lembraba a tantos restaurantes galegos que na sobremesa non se complican e sistematicamente ofrecen tarta-de-santiago-tarta-al-guisqui-e-tarta-de-queixo.

Foi o momento cómico dunha estupenda comida. Evidentemente non é o buffet o mellor sistema para gozar da alta cociña, así que os membros de Cuina de L’Empordanet recorreron para a ocasión aos grandes pratos tradicionais da cociña ampurdanesa, na que a gran protagonista é a mestura de carnes e mariscos, encabezada polo polo con cigalas, un prato excepcional.

Foi difícil para todo escoller ese día a comida e xa que a oferta era ampla e tentadora eu optei por pedir encarecidamente que me serviran so un chisquiño de cada prato, para poder probar varias especialidades.

Así que comecei pola esqueixada e os embutidos do Ampurdán, espléndidos nos dous casos, e a escalivada, que non resistía a comparación coa que nos serviran na cea da noite anterior.

Entre os pratos fortes non podía faltar esa marabilla que é o polo con cigalas, espléndido inda que me tocou un anaco de peituga algo cocido de máis e, polo tanto, reseco. E probei o coello con caracois e centolo que se pode ver na foto, e o pato con cunchas (mexillóns). Estupendos os dous, pero sen chegar á potencia e conxunción dos sabores do polo e as cigalas.

Pero deixei pasar de longo o polo ao viño do Ampurdán, as unllas de porco asadas, as albondegas de peixe azul, a xibia con chícharos, o suquet de xarda, o peixe sapo á mariñeira, o polo con lumbrigante, as fabas e chícharos, os cogomelos con verduras e as cabaciñas recheas.

¡Aquilo parecía unha voda galega!

Remato xa deixando aquí a foto da Tarta de Santiago, sobre a que publico unha reportaxe no número de xuño da revista Origen. Esquecín preguntar se andaba algún galego pola cociña.


O Pazo de Baión, que noutro tempo foi narco-residencia, queda finalmente en Galicia.

- Non irá dicirme que un multimillonario quería trasladalo pedra a pedra ao outro lado do Atlántico.

Pois non señora, a cousa non vai por aí. O importante de Baión, aos nosos efectos, é que está rodeado de 20 hectáreas de viñedo incluído na denominación de orixe Rías Baixas que, finalmente, vai quedar en mans dunha empresa galega, Condes de Albarei, coa que competían empresas da Rioxa e de Cataluña.

Penso que é importante que unha propiedade tan singular como Baión quede en mans galegas, pero iso non significa que a chegada de capitais foráneos ao noso sector vitivinícola sexa indesexable. Máis ben todo o contrario. Moitos das grandes melloras rexistradas nos últimos tempos nos viños galegos viñeron da man de empresarios ou enólogos non galegos, que ven as cousas de diferente maneira e aportan ideas novas e frescas. Benvidos sexan, pero alégrome de que Baión siga sendo galego.

San Xoán. Se polo espazo adiante hai vida intelixente que nos poida ver na noite que se aveciña, non dubido que exclamarán todos a unha: ¿Están tolos estes galegos?. Dende as alturas esta noite Galicia debe ser un espectáculo semellante a un ceo estrelado, con miles de fogueiras acesas por todas partes.

Aquí, na Amaía onde vivo, o espírito minifundista chega ata as fogueiras de San Xoán, de maneira que cada grupiño de casas, cada urbanización e cada casa illada ten a súa propia fogueira. Nada parecido ao foleón da miña infancia en Ferreira do Valadouro, comunal, no medio da praza, no que traballabamos todos os rapaces da vila.

Dun tempo a esta parte aos foleós, cacharelas, luminarias ou como chamen en cada lugar de Galicia únense outras estrelas, menores no escintilar pero non menos importantes para os concorrentes: as brasas para as sardiñas e o churrasco.

Aos máis novos pareceralles que a tradición das sardiñadas de San Xoán son cousa de toda a vida, pero a realidade é que se trata dun costume moi recente. Con tódolos reparos do mundo, e agradecendo de antemán calquera información adicional que me poida chegar, eu atreveríame a dicir que as sardiñadas comezaron aló pola década dos setenta do século pasado. É dicir, hai entre 30 e 40 anos.

Para o meu libro “A cociña do Entroido e San Xoán” (Edicións Xerais) traballei sobre o tema buscando información en xornais galegos de todo o século XX e parte do XIX. A primeira referencia a unha sardiñada na noite do 23 de xuño atopeina en La Voz de Galicia do 24 de xuño de 1970, día no que o xornal informa sobre o programa de festas desta localidade pontevedresa, reproducindo completo o programa das mesmas, incluso o do día anterior, 23 de xuño, do que di: “Por la noche, verbena a cargo de la orquesta ‘Venus’. Inauguración de extraordinario alumbrado. Quema del ‘lumeiro’ de San Juan, sesión de fuegos artificiales y ofrecimiento gratuito de sardinas a la brasa y vino del país”.

Cinco anos antes (1965) o 24 de xuño de 1965 Faro de Vigo informa de “La empanada de Cotomondongo”, asegurando que levou 700 sardiñas, cinco quilos de pementos morróns e outros tantos de tomates, 18 quilos de cebolas e 8 litros de aceite. Segundo o xornal, é o sexto ano consecutivo que, chegado San Xoán, os veciños da rúa José Antonio cocen unha monumental empanada de sardiñas para a celebración. A información vai acompañada dunha fotografía da empanada, de cinco metros de longo e setenta centímetros de ancho. Ademais, na festa consumiuse un xamón, 500 ovos e, como aperitivo, 60 quilos de polbo.

Outro dato importante é a información sobre lonxas nos días próximos a San Xoán. Na década dos sesenta os xornais non informan sobre as vendas de sardiñas, pero na dos setenta o tema repítese ano tras ano:

Próximo el San Juan escasea la sardina. La Voz de Galicia, 23 de xuño de 1973.

Las fiestas de San Juan y la escasez hicieron subir el precio de las sardinas. La Voz de Galicia, 23 de xuño de 1974.

A mil pesetas la caja de sardinas. Las lumeiradas de San Juan provocaron el disparo de los precios. La Voz de Galicia, 24 de xuño de 1975.

¿Quere isto dicir que a tradición gastronómica da noite de San Xoán nace no último terzo do século XX?.

Pois definitivamente non. Para probalo remato coa transcrición parcial dalgunhas informacións sobre a noite de San Xoán publicadas en xornais galegos:

“En las pendencias que se suscitaron intervinieron oportunamente los guardias de Seguridad, cuyo Teniente Sr. Fondado ha sostenido una celosa y activa vigilancia durante la noche, especialmente en las afueras, donde la costumbres de acabar la fiesta con fresas y cuchilladas es ya proverbial”. La Voz de Galicia, 24 de xuño de 1888, falando de A Coruña.

“Para San Juan. Se admiten hoy los encargos de Tartas, Ramilletes, Pastelones, Fiambres Parrulos, Novedades, Platos de todas clases, Bandejas, etc., etc.”. La Voz de Galicia, 23 de xuño de 1903. Anuncio da Casa Pelletier.

“No se permitieron las fogatas ni los petardos, pero se bailó hasta decir basta y se bebió sin tasa.
De madrugada, los trasnochadores se dirigen a San Juan de Filgueira para tomar la leche, cumpliendo así una tradición”
. La Voz de Galicia, 24 de xuño de 1928, falando de Ferrol.

“Finalizada la verbena la gente moza seguía trouleando hasta el amanecer al son de las guitarras, bandurrias y gaitas. Y luego se dirigían a Los Castros y a Eirís a comer las fresas en las propias plantas”. La Voz de Galicia, 1967. O xornalista fala do San Xoán de antano.

La costumbre de ir a comer las fresas hubo de extinguirse cuando estas dejaron de cultivarse por allí y por los otros lugares cercanos. Hace medio siglo aún se practicaba, pero ya había perdido la importancia de antaño”. La Voz de Galicia, 1969.

Pulpo á feira

Non estou moi seguro se a forma de vida dos tempos actuais está impulsando á industria alimentaria a ofrecernos produtos novos ou é esa oferta a que nos está cambiando a maneira de vivir. Pasa tamén, ás veces, que os produtos novos non son tal, senón que unicamente é nova a presentación.

Poñamos por caso o polbo á feira. De ovo non ten nada, inda que tampouco é tan antigo como para dicir que levamos toda a vida coméndoo.

- Si señora, xa sei que vostede o come dende os seis anos, e iso é toda unha vida, pero quería eu falar da “vida” en termos históricos, e nese aspecto a vida dun ser humano é un gran de area na praia das Catedrais e con marea baixa.

O polbo á feira como hoxe o coñecemos naceu cando o pemento moído chegou a Galicia, posiblemente no século XVIII. O comercio de pemento seco e moído era moi importante en Herbón a finais dese século, o que leva a pensar que algo tamén se debeu fabricar nas veiras do Ulla.

Pero non busco eu aquí a historia senón a actualidade. Resulta que hai uns días vin en Hipercor, unha vez máis, polbo á feira envasado ao baleiro e refrixerado. Un produto que non me interesa o máis mínimo, xa que o polbo á feira ou se come acabado de cocer ou mellor é dedicarse a outro asunto. Pero algo me chamou a atención naquel polbo, non sei que, e vítima de nove anos de “master” en etiquetado por motivos que non veñen ao caso, mirei tódalas súas etiquetas. E sorprendinme.

Primeiro porque o polbo está elaborado e envasado en Málaga.

Segundo polo seu prezo: 22,90 euros a bandexa de 300 gramos, o que supón un total de 76,33 euros o quilo. ¡E iso que estaba de oferta!

- Si cabaleiro, xa sei que vostede merca o que lle peta e págao ao prezo que lle piden, que para iso é vostede un potentado, pero déixeme rematar…

Porque resulta que o máis grave do conto é que na etiqueta frontal di clariño: “De Galicia a su mesa”. ¡E eu pensando que a quinta provincia estaba en Bos Aires cando a temos aí, a un paso, con so dobrar o mapa habilmente!.

O produto comercialízase baixo a marca Peka2 Don Rodrigo e a empresas responsable é “Congelados Fripesca, S.L.”. Podemos darlles as gracias por levar o nome de Galicia polo mundo adiante en comercial@fripesca.com

Como non teño foto do pekado poño a da última ración de polbo á feira que comín no Mesón Concheiros (Santiago de Compostela)


Actualidad

    sígueme en Twitter

    © 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura