O Pazo de Baión, que noutro tempo foi narco-residencia, queda finalmente en Galicia.

- Non irá dicirme que un multimillonario quería trasladalo pedra a pedra ao outro lado do Atlántico.

Pois non señora, a cousa non vai por aí. O importante de Baión, aos nosos efectos, é que está rodeado de 20 hectáreas de viñedo incluído na denominación de orixe Rías Baixas que, finalmente, vai quedar en mans dunha empresa galega, Condes de Albarei, coa que competían empresas da Rioxa e de Cataluña.

Penso que é importante que unha propiedade tan singular como Baión quede en mans galegas, pero iso non significa que a chegada de capitais foráneos ao noso sector vitivinícola sexa indesexable. Máis ben todo o contrario. Moitos das grandes melloras rexistradas nos últimos tempos nos viños galegos viñeron da man de empresarios ou enólogos non galegos, que ven as cousas de diferente maneira e aportan ideas novas e frescas. Benvidos sexan, pero alégrome de que Baión siga sendo galego.