Tres días de viaxe polo Ampurdán para coñecer a súa oferta gastronómica dan para moito, e moito teño que contar, pero non hai problema para elixir por onde comezar que é, case, polo final. O máis agardado por todos era a visita ao Celler de Can Roca, onde os irmáns Josep e Joan nos recibiron amablemente e antes da comida nos acompañaron aos seus respectivos dominios: a adega e a cociña.
Iremos por partes. E xusto ao revés de como foi a visita. Primeiro a comida, que, claro está, era o que máis interesaba e que non decepcionou a ninguén, inda que a min non me fixo ver máis estrelas das que xa teño visto algunhas veces en Galicia. A comida resultou espléndida, pero as expectativas creadas, extraordinarias, non se viron cumpridas. Mea culpa.
A comida comezou cunha copa de cava (non apuntei os viños porque nos anunciaron o menú impreso ao final da comida, e chegou, pero sen os viños) e unha selección de aperitivos. O “cabaciño encurtido con vinagre balsámico e xenciana” e as “mini cenorias con laranxa” semellaban unha horta plantada nun pequeno caldeiro de zinc. Ademais “renxente de romeu”, “chícharos á menta”, “veloute de crustáceos con berberecho” e un fantástico “bombón de foie”.
O forte da comida comezou cun “turrón de foie gras con ensalada de tubérculos”. Xenial o foie, cuberto cunha lixeira capa de cacao en po. Lixeiro tamén o foie e espléndido o xogo de texturas, sabores e contraste doce-salgado. O mellor da comida.
Aquel comezo prometía acabar nunha gran traca final. O seguinte prato foi un “royal de alcachofas con pipas de xirasol e laranxa”. Menos potente que o anterior pero de novo un interesante contraste de texturas e sabores. Afortunadamente para min, que non son moi afeccionado a elas, as alcachofas só manifestaban moi lixeiramente o seu sabor metálico. Moi ben.
Xa non me fixo tanta gracia o “souflé de berenxenas asadas á grella con sardiñas mariñadas con aceite de anchoas e caviar de vinagre”. Impresionantes os lombos de sardiña que envolvían un souflé que perdía todo o seu sabor ante a potencia das mesmas e a chispa do caviar de vinagre.
Chegou despois o prato que menos me emocionou do menú: “dourada con fiúncho, olivas verdes e salicornia”. A potencia salina da salicornia apagaba as sutilezas da dourada.
Rematamos a parte salgada cunha “ventresca de cabrito con parmentier de leite de cabra e menta”. Espléndido o cabrito e non menos interesante a gornición.
O apartado de sobremesas comezou coa “adaptación do perfume Trêsor de Lancome” en forma de veloute de pexego de viña con rosas, nésperas e albaricoques. Excesivo dominio das rosas nun prato que a min me gustou moito porque me gustan as rosas, pero que non recoñecín na mostra do perfume que puxeron nuns conos de papel despois de rematar o prato.
Finalmente un “postre láctico”: doce de leite, xeado de mató, escuma de recuit, gotas de iogur, nube de azucre e sorbete de goiaba. Tódolos lácteos feitos con leite de ovella. De novo o xogo de texturas, sabores e temperaturas.
Co café uns petit fours, servidos en preciosas caixa lacadas, nos que predominaba o xogo do chocolate cos cítricos.
Para rematar destacar a eficacia e elegancia do persoal de sala, ao que poucas veces prestamos atención e que co seu traballo poden mellorar ou estragar unha comida. En Can Roca son unha eficaz prolongación da cociña.
Foto: Ventresca de cabrito con parmentier de leite de cabra e salicornia. O resto do menú pódese ver no album de picassa.






