Que vivimos nun mundo cada vez máis contaminado non se lle escapa a ninguén. E resulta inevitable que esa contaminación chegue dalgunha maneira á cadea alimenticia, sexa de forma directa ou indirecta.
Hai xa algunhas semanas que en Estados Unidos loitaban contra unha contaminación dos tomates por un tipo de salmonela, pero a nova salta hoxe con forza aos medios de comunicación porque un dos xigantes do fast food decidiu retirar o tomate fresco das súas hamburguesas para evitar problemas. Imaxino que a medida será provisoria.
Doutra banda, chegan novas que indican que a Unión Europea impuxo condicións máis restritivas que ata o de agora á comercialización de gomar guar, un espesante empregado pola industria alimentaria, despois de que se atoparan pentaclorofenol e dioxinas neste produto importando da India, primeiro produtor do mundo de goma guar.
E inda que semelle que xa o esquecemos, o problema co aceite de xirasol contaminado quédanos moi preto, e os problemas que poida causar o anisakis, que estivo moi de moda hai uns meses e que agora xa ninguén fala del. ¿Alguén sabe dun restaurante sancionado por non aplicar a norma da conxelación do peixe que se vai servir cru ou cociñado a baixa temperatura?.
Está visto que de algo hai que morrer… a primeira vez.





