Dous tintos galegos triunfaron no recente II Concurso de los Vinos del Noroeste, celebrado a pasada semana en Ponferrada, dominado, como era de agardar, polos viños do Bierzo.
Pero no apartado de tintos xóvenes, as denominacións de orixe galegas atoparon un espazo para Lagar do Cigur e Castro de Lobarzán. O primeiro destes viños, de Valdeorras, acadou unha medalla de ouro na categoría de tintos mencía xóvenes, mentres que o segundo, de Monterrei, levou un ouro na categoría de tintos xóvenes. O resto de medallas (ata un total de tres ouros) en ambas categorías corresponderon a viños do Bierzo.
No apartado de brancos cinco das seis medallas de ouro viñeron para Galicia: Sameiras 1040, Cuñas Davia Barrica (Ribeiro) e Don Pedro de Soutomaior Tempo (Rías Baixas) na categoría de brancos en barrica, e Don Pedro de Soutomaior Neve Carbónica (Rías Baixas) e Beade Primacía (Ribeiro), na de brancos, categoría na que tamén recibiu medalla de ouro Vega de la Reina Sauvignon Blanc, da denominación de orixe Rueda.
No concurso participaron máis de 300 viños de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e Norte de Portugal.





