June 12th, 2008Dúbidas sobre o peixe
A folga do transporte e do sector pesqueiro está deixando algúns datos que deberían facer pensar aos nosos lexisladores sobre algúns aspectos certamente discutibles da lexislación alimentaria que responden ninguén sabe a que criterios.
Onte representantes dos armadores e pescadores galegos percorreron algúns supermercados e grande superficies das áreas da Coruña e Vigo poñendo de manifesto as irregularidades na venda ao público de peixe fresco ou, ás veces, supostamente fresco. Na radio escoitei a un deses homes do mar dicirlle ás clientas do supermercado: “Non lle dean eso aos seus fillos ¡Estanos envelenando!”.
Polo que escoito e leo, o máis normal foi atopar o peixe mal etiquetado, cousa absolutamente común cando conta con etiqueta, que non é sempre, ou peixe desconxelado que se vende como fresco. Hai uns vinte anos eu fun testemuña, nunha madrugada de xoves, de como os servizos veterinarios comisaban na praza de abastos de Santiago luras desconxeladas que se ían vender por frescas, ou mariscos que non garantían documentalmente a súa procedencia. Hoxe non sei se os inspectores fan ou non ou seu labor nin baixo que directrices.
Na miña casa cómese con frecuencia peixe espada. Máis que nada porque teño un rapaz que é un dos poucos peixes que come. Así que sempre saio espantado dos supermercados onde, con tódalas bendicións da lei se vende este peixe desconxelado. Basta con que na etiqueta poña “produto desconxelado”, inda que sexa en letra ben pequeniña. Cada vez que o vexo lémbrome das recomendacións que sempre nos dan as autoridades sanitarias sobre a necesidade de non romper a cadea do frío cando mercamos conxelados. E danme gañas de mandalos a paseo. A autorización de vender peixe desconxelado ven do Código Alimentario, elaborado hai máis de 40 anos.
Vaia, que cheguei a pensar que todo o peixe espada que capturan os palangreiros de A Guarda se conxelaba a bordo dos barcos e que non se desembarcaba peixe fresco nos portos galegos, idea que esta mesma mañá me sacaba da cabeza o xerente de Orpagu (Organización de Palangreiros de A Guarda), Manuel Sequeiros.
A outra cuestión é o etiquetado do peixe. A normativa comunitaria, aplicada en España a través do Real Decreto 121/2004, establece que tódolos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, tanto vivos como frescos, refrixerados ou cocidos, deben identificarse no supermercado ou na peixería cunha etiqueta que conteña, entre outros datos, o nome comercial e científico do produto e a zona de captura e cría. Todo ben, se non fóra porque as zonas de captura establecidas a efectos de etiquetado son tan grandes que a zona 27, común nas etiquetas do peixe que se vende en Galicia, vai dende o Estreito de Xibraltar ata o norte de Rusia, onde se tocan Europa e Asia. É dicir, toda a costa atlántica europea está incluída nesta zona. ¿Serve de algo esta información?
O mesmo etiquetado val tanto para os produtos da Unión Europea como para os procedentes de terceiros países, sen que teña que indicarse cal é o país de procedencia.
So terán que aclarar na etiqueta o país de procedencia, cando veñan de terceiros países, os produtos incluídos na seguinte lista:
solla (Pleuronectes platessa),
atún branco (Thunnus alalunga),
atún vermello (Thunnus Thynnus),
patudo (Thunnus o Parathunnus obesus),
arenque da especie Clupea harengus,
bacallau da especie Gadus morhua,
sardiña da especie Sardina pilchardus,
eglefino (Melanogrammus aeglefinus),
carbonero (Pollachius virens),
abadexo (Pollachius pollachius),
xarda da especie Scomber scombrus,
estornino da especie Scomber japonicus,
xurel (Trachurus spp.),
galludo e pintarroxa (Squalus acanthias y Scyliorhinus spp.),
gallineta nórdica (Sebastes spp.),
merlán (Merlangius merlangus),
lirios (Micromesistius poutassou o Gadus poutassou),
maruca (Molva spp.),
bocarte/anchoa (Engraulis spp.),
pescada da especie Merluccius merluccius,
galo (Lepidorhombus spp.),
palometa (Brama spp.),
rape (Lophius spp.),
limanda (Limanda limanda),
mendo limón (Microstomus kitt),
faneca (Trisopterus luscus) y capellán (Trisopterus minutus),
boga (Boops boops),
caramel (Maena smaris),
congro (Conger conger),
rubio (Trigla spp.),
múxil (Mugi spp.),
raia (Raja spp.),
platixa (Platichthys flesus),
linguado (Solea spp.),
peixes cinto (Lepidopus caudatus y Aphanopus carbo);
quisquilla (Crangon crangon) e camaróns boreais (Pandalus borealis),
boi de mar (Cancer pagurus),
cigala (Nephrops norvegicus);
xibias (Sepia officinalis y Rossia macrosoma).
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico


13 June 2008 a las 13:50
Totalmente de acuerdo, lo que comentas en este post yo lo vengo viendo sistematicamente desde hace años sin que nada haga nada (administraciones, pescadores, asociaciones de consumidores…).