June 9th, 2008Xornadas de cociña mexicana
Os afeccionados á cociña mexicana teñen cita dende hoxe e ata o próximo sábado no compostelán restaurante Caney, situado nos baixos do hotel Araguaney. A Semana Gastronómica Mexicana traerá ata a capital de Galicia o mellor desa cociña tan descoñecida pola meirande parte do público, que so sabe dela, en directo, polos tacos e burritos dalgunhas franquías, e en diferido polo visto na película Como agua para chocolate.
Algúns dos grandes pratos da cociña do país centroamericano, que se amosaban na referida película, estarán presentes nas xornadas do Caney: chiles en nogada, mole poblano… pero na carta hai moito máis. Dez antojitos para entrantes, tres pratos de peixe, catro de carne e catro sobremesas, así como margaritas, tequila, cervexa mexicana…
O restaurante tamén ofrece un menú degustación que, por 32 euros, promete deixar satisfeito a calquera: guacamole con totopos, taco mexicano, enchilada, chiles en nogada, ceviche de peixe, huachinango veracruzano, mole poblano e jericalla.
O Caney xa celebrara con éxito unhas xornadas de cociña mexicana hai dous anos, cando aínda Pedro Roca estaba á fronte das súas cociñas. No Caney Roca fixo moi populares as xornadas de cogomelos, que se celebraban cada outono, así como as do arroz ou a cociña árabe.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico

