Parece que vai sendo hora de desvelar o segredo dos pementos de Padrón. Segundo a miña informante, una cultivadora que leva toda a vida entre pementos, pican os retorcidos, tanto grandes como pequenos, novos como vellos. Naturalmente, se os pementos quedan na mata moito tempo acaban picando todos e cambiando a cor a vermello.

Na foto hai seis dos pementos que trouxen o outro día de Padrón, seleccionados como picantes uns e doces os outros. Os tres da esquerda, retortos, cumpriron o anunciado e picaron, o mesmo que o resto dos seus compañeiros de viaxe. Pola contra os da dereita, ben feitiños, non picaron, como non picou ningún dos que os acompañaban.

Claro que a cousa non remata aí. Segundo me dixo o marido da muller, metidos os dous nun invernadoiro que comezaba a producir, se non0 se coida a plantación en agosto o nivel de capsaicina nas plantas disparase e comeza a picar todo. Para evitalo danlle un bo abonado á plantación a finais de xullo e os días de moita calor métenlle un rego por aspersión que refresque as plantas. De feito o invernadoiro no que estaban tiña instalado un dobre sistema de rego: un por goteo que estaba funcionando e outro por microaspersión que estaba absolutamente seco.

Pero volvamos cos picantes. O sistema serve para distinguir os pementos picantes mentres están crus, porque unha vez fritos non hai maneira de saber cales eran ben feitos e cales retortos. Así que sempre estaremos expostos a unha boa picada. ¿E como o amañamos?.

En internet pódese atopar todo tipo de suxerencias, dende beber leite ou aceite, ata comer un chicle de menta ou meter sal na boca.

Agardo suxerencias saídas da experiencia de cada un. E cando me pete escribirei a miña, produto da experimentación allea pero que eu aínda non puiden comprobar. En calquera momento vou buscar uns padróns picantes e probo.

¡Ah! e quédame tamén desvelar a receita da salsa de pementos de Padrón picantes que me contou o venres pasado un cociñeiro compostelán de primeira liña. Non puiden probala porque non lle quedaba, pero ten unha pinta extraordinaria.