Dun tempo a esta parte estanse dando algunhas casualidades que me chaman a atención: algúns temas que publico en Colineta aparecen aos poucos días nalgúns xornais ou radios. Non estou a falar de asuntos difundidos a través de notas de prensa que o mesmo me chegan a min que ao resto de medios, senón asuntos coma o dos xeados Gael, que aos poucos días aparecían en La Voz de Galicia, ou o de Granxa Familiar, sobre o que acaban de falar na Radio Galega. Veremos se os produtos de Seagood, por exemplo, saen á palestra na próxima semana.
Nada que obxectar a que os blogs se empreguen como fonte sempre que despois o redactor de quenda desenvolva o seu propio traballo, como pasou nos dous casos sinalados. Distinto é cando se usa o copio-pego, do que fun vítima nunha etapa anterior.





