O mundo da cociña ten un certo parecido co da arquitectura. Nesta segunda arte conservamos e admiramos o románico e o barroco de Compostela, por exemplo, pero as novas construcións realízanse segundo estéticas actuais. Na cociña conservamos e admiramos o tradicional pero as novas creacións responden a criterios novos. A única diferenza é que mentres na arquitectura os vellos estilos xa non se usan, na cociña conviven, e que sexa por moitos anos, a tradición e a innovación.

Pero hai innovacións que me matan. De risa. A transmisión oral da información, porque supoño que deso estou a falar, ás veces produce monstros, especialmente cando transmisor e receptor empregan códigos diferentes. Como un cociñeiro e un xestor publicitario, como debe ser o caso.

Ven a cousa a que miro en Santiago Siete, ese prodixio de semanario gratuíto independente que se edita en Compostela, un anuncio do Hotel Restaurante Balboa que ofrece un Gran buffet libre tódolos domingos. Unha ampla oferta de primeiros, curtísima de segundos (unha carne e un peixe), e as sobremesas de sempre por 15 euros por persoa (oito os menores de dez anos). A miña experiencia en buffets libres é tan desafortunada que non teño intención de pasar por alí.

Pero o post ven a conto dun dos primeiros pratos que me chama poderosamente a atención: Quisloren de puerro. Resulta que en Compostela se pode comer quisloren e eu sen enterarme. Pero ¿que demo será o/a quisloren?. Teño as miñas sospeitas pero busco información, para saír da miña burremia, e non a atopo por ningures, así que fago unha busca en internet e Google devólveme unha solitaria referencia. Nun foro atopo o menú do bautizo que se está a preparar, e copio literalmente: “somos mucho de familia hacin que lo pasaremos super bien.de comida pues que si tortilla de patatas bikinis calentitos quisloren,pizza,patatas bravas bueno lo que se dice un pequeño bufet.”.

Calquera día destes hei preguntar no Balboa por esa (agora estou seguro de que é feminina) quisloren. Seguro que me van explicar que se trata dunha quiche lorraine. Cousas da transmisión oral. Agora dame a risa, pero xa se me pasará cando a RAE a dea por boa