Confirmado, Casa Marcelo abre o próximo sábado 26 de abril. Dío a súa web e esta mesma mañá mo confirmou en persoa o propio Marcelo, nunha conversa brevísima, xa que andaba a cen cos últimos preparativos.

Tiven o privilexio de que o chef me permitira ver o novo aspecto do local e a sorpresa foi maiúscula. Había case semana e media que non visitaba o local e nese tempo a ninfa converteuse nunha marabillosa mariposa. Un local que vai sorprender a todos. Sigue tendo os mesmos metros cadrados, pero tan ben aproveitados que semella máis grande. E se antes a cociña estaba aberta ao comedor, agora aínda o está máis, así que procuren disimular cando ocupen unha mesa próxima á mesma, non vai ser o demo que os convoquen aos fogóns e lles fagan rematar o seu propio prato. Inda que peor sería fregalo.

Como non teño fotos do novo local non as publico. Máis morbo para o día da estrea.

No pasado Forum Gastronómico Santiago’08 causou sensación o xeado de Tarta de Santiago que presentou a firma Sandro Dessi, inda que desta casa a min o que máis me chamou a atención foi a granita siciliana de amorodos. Fiel ao seu carácter de relacións públicas nato, o propio Sandro me recibiu no seu stand do Salón do Club de Gourmets para anunciarme que xa tiña un novo sabor galego: castaña confeitada co seu biscoito. Naturalmente, probei o xeado de inmediato e sorprendeume o seu nidio sabor a castañas e os tropezóns de biscoito que aledaban a textura.

Pero algo despois comprobei que non era esta a única novidade “galega” en materia de xeados. A marca Gael, de Bergondo, presentaba os seus xeados de crema, elaborados a partir de leite cru pasterizado na propia factoría, entre os que me chamaron a atención dous sabores: albariño e licor café.

No primeiro caso o sabor do viño albariño está claramente nun xeado moi delicado. Trátase, naturalmente, dun sorbete. O de licor café é un xeado de crema que enche a boca por completo. Dúas delicias que non podemos perder de vista.

Actualidad

    sígueme en Twitter

    © 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura