El ía para artista e comezou os seus estudos nunha escola de arte, pero finalmente rematou dedicándose… á arte, un tipo de arte no que os materias son efémeros e, polo tanto as obras duran o mesmo que un merengue á porta dun colexio, pero arte á fin e ao cabo. Chámase Ariel Mendizabal e cada día deita a súa creatividade en doces, pasteis e bombóns que por momentos un pensa se non será mellor gardar para ensinar aos amigos, pero a carne e feble e os bombóns acaban alí onde Ariel considera que deben estar, na boca, facéndonos soñar.

Arredor de dúas horas de charla con Ariel, rodeados de bombóns e de ovos de pascua en proceso de produción, dan para unha boa enchente de chocolate, e un goza de todos e cada un dos matices desta marabilla chegada de América, a través das palabras do pasteleiro e chocolateiro, un artesán que vive con paixón o seu oficio e que insiste unha e outra vez en que dan máis satisfacción as cousas ben feitas que os beneficios obtidos dun comercio no que a calidade non sexa o prioritario. As palabras de Ariel saben tan ben coma os dous bombóns con que me convida. Lee el resto de esta entrada »

Queda xusto unha semana para que Beatriz Sotelo (restaurante A Estación, Cambre, A Coruña) se sitúe, por segundo ano consecutivo, soa ante o perigo. Ante o perigo que supoñen sete cociñeiros masculinos que intentarán por tódolos medios quitarlle o triunfo na segunda edición do concurso “Cocinero del Año”, que terá lugar en Barcelona, no marco de Alimentaria, o próximo 13 de marzo.

Claro que Beatriz é xa experta nestas lides. O maio do ano pasado foi a única muller participante na semifinal que enfrontaba a cociñeiros de Galicia, Asturias e Cantabria. Os outros nove cociñeiros, todos homes, non foron quen de derrotala e aí está ela, clasificada para a final e traballando a diario nos pratos que presentará en Barcelona e que serán segredo de cociña ata o momento mesmo da final. Lee el resto de esta entrada »

Os afeccionados ás carnes exóticas teñen cita en La Cabaña de Marcelle ata o 16 de marzo para probar a de bisonte en forma de carpaccio, paté ou solombo con verduras. O restaurante ofrece tamén carnes de canguro, avestruz e vacún Wagyu. Ollo, na web do restaurante hai un erro e di que as III Xornadas do Bisonte rematan o 2 de marzo.

A comida pódese baixar cun paseo polo parque con animais exóticos.

Foto: marcellenatureza.com

Ao mediodía escoitei na radio falar ao conselleiro de Innovación e Industria na inauguración de Xantar sobre a promoción da gastronomía galega, á que o seu departamento vai dedicar un millón de euros. Ben feito si se fai ben.

Pero de seguido quedei tremendo cando o escoitei dicir que en breve a consellería vai levar un stand a unha feira de Frankfurt, como xa fixo na pasada edición de Fitur e de Madrid Fusión. Non sei que houbo en Fitur, que non estiven alí, pero en Madrid Fusión o único que vin foi un pequeno stand modular (¿3×3 metros?) baleiro, con algunhas fotografías e un cartel da Escola Superior de Hostalería de Galicia. E un cartel publicitario como patrocinador da sesión de traballo con conservas realizada por Marcelo Tejedor, Dario Barrio, Juan Pablo Felipe e Andrés Madrigal. Para iso mellor quedar na casa e aforrar os cartos.

Por un estraño atavismo, tódolos anos acabo escribindo sobre a lamprea da mesma maneira que cada Entroido o fago sobre as follas de limón, inda que neste caso non se trata de atavismo senón de intención pura. Así que sentado ante o teclado para escribir o artigo de hoxe, o primeiro que fago e revisar os meus arquivos para ver que lles contei o ano pasado sobre un peixe que cada día me parece máis extraterrestre. E atopo un artigo titulado “Lamprea por prescrición facultativa” no que falo do emperador romano Tibeiro, de Picadillo, do prezo da lamprea e das súas cualidades, as positivas e as negativas, na nosa dixestión.

Como poden ver, xa van os primeiros 636 carácteres escritos e non hai marcha atrás, así que prepárense a escoitar falar da lamprea. Sospeito que nun futuro próximo poden chegar grandes novas sobre a “comepedras” dende terras afastadas, pode que Cataluña, pode que Xapón, pero deus queira que sexa o primeiro país e no o segundo, que cando aos xaponeses lles entra algo polo ollo non reparan en gastos. E como son moitos e cun nivel adquisitivo superior ao noso, poden deixarnos compostos e sen lamprea. Lee el resto de esta entrada »

Dúas interesantes visións do Forum Gastronómico aparecen hoxe na rede. Unha na revista portoriqueña Divinidades, da man de Rosa, xornalista moi vencellada a Galicia por lazos familiares e afectivos, e outra a de Philippe Regol, que escribe o seu blog Observación Gastronómica dende Barcelona.

Unha pequena lea amistosa sobre se o que estibo no prato era “robaliza” ou “lubina” levoume hoxe a revisar algúns libros na procura de máis saber ao respecto e tentando confirmar o que xa sabía. Trátase do mesmo peixe que en galego se chama robaliza e en castelán lubina.

Pero, se ben o Dicionario da Real Academia Galega so inclúe o termo “robaliza”, non é menos certo que nalgunhas partes de Galicia tamén se emprega o termo “lubina”.

Na “Guía dos Peixes de Galicia” (Manuel Rodríguez, Sergio Devesa e Lidia Souto, editada por Galaxia en 1983), inclúese o nome galego dos peixes, pero tamén outras denominacións escoitadas polos autores en diversos lugares do país. No apartado da robaliza (Dicentrarchus labrax según Linneo) aparecen tamén os nomes de “reboriza, lubina, lamega, balilla, cacheira, chalizo, chasca, tasca, chibana e róbalo”. No caso do róbalo din os autores que se emprega para as robalizas grandes. Lee el resto de esta entrada »

Eran uns grelos espléndidos, pero se lles poño o cualificativo de “super” e polo lugar onde estaban á venda: un gasolineira de Compostela. Chamoume a atención de que eran da variedade de nabo de Lugo, inmensamente mellor que a típica de Santiago, e apañados como debe ser: un a un no canto de arramplar con todo o que ten a planta.

Tiven que saír rápido porque o condutor que estaba detrás de min impacientábase. Prometín volver a mercalos un par de días despois, pero entón xa non había. Agora cando paso pola zona sempre miro, xa que en Compostela é ben difícil atopar verdadeiros grelos, que ás veces atopo, de cultivo ecolóxico, en A Cesta da Saúde (na rúa Ramón Cabanillas), procedentes da zona de Palas de Rei (Lugo). ¡E que onde estea o nabo de Lugo que se quiten os demais! Lee el resto de esta entrada »


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura
< ?php if(function_exists('lp_other_langs')) { lp_other_langs('gl','es'); }?>