Tiña eu gañas de pillar uns bos grelos de Lugo para facer un caldiño pero sometendo a un deles a unha disección previa que mostro nas fotografías adxuntas.

Tanto a primeira como a terceira foto mostran un grelo a pesar de que o aspecto é ben diferente porque no último caso faltan as nabizas.

O asunto é complexo. Calquera labrego galego que cultive nabos chámalle grelo tanto nun caso como no outro, do que temos que deducir que o grelo é un conxunto de grelo máis nabizas. O grelo é o tallo do que vai saír a flor e do que saen os pedúnculos das nabizas, pero tamén o conxunto de un e outras.

Así que na primeira foto vese o grelo con tódalas súas nabizas, na segunda xa separei as nabizas máis grandes e na terceira so queda o grelo, xa pelado, coa flor que inda non abriu e está verde por completo.

É fácil comprobar como o grelo e os pedúnculos das nabizas son completamente diferentes. A sección do primeiro é circular, cunha parte exterior algo fribrosa que convén pelar. A sección do pedúnculo das nabizas ten forma de media lúa, concávo-convexa.

Noutra foto mostro a sección de tres grelos en diferentes estados de evolución. So o da esquerda é aproveitable, xa que os outros dous quedarían tremendamente fibrosos. Se ao dar un corte transversal ao grelo aparece ese punto branco central que se ve na foto do medio dise que o grelo “está ido ao pau”. Pódese ir cortando cara a flor ata que desaparece o branco. O que nos quede pódese botar na pota sen problemas. No terceiro caso o interior do grelo é oco, todo fibra, inservible.

Os grelos das fotos foron cultivados en Lagoa (Alfoz) por un paisano que cada sábado leva unha pequena mostra dos produtos da súa horta ao mercado de Ferreira do Valadouro. Son da variedade de Lugo, que lle da mil voltas á de Santiago, e acabaron nun caldo fastuoso, que diría Joaquín Merino.