Mercar uns bombóns recheos de viño godello e mencía é un atractivo máis para visitar Xapón, posto que en Galicia polo momento non están á venda, cousa que se amañará en poucas semanas.

Os bombóns foron presentados en sociedade na pasada edición de Alimentaria pola marca luguesa Suguimar e obtiveron un éxito rotundo, segundo me conta o pai da criatura, Manuel Mateo.

Manuel Mateo ten vencellos co mundo dos bombóns a través de Suguimar, pero tamén co do viño por medio da adega Val de Lurres, da que é copropietario. Antes traballara no mundo das castañas.

E a idea saíu desa combinación de factores. ¿Porque non meter viño dentro dos bomóns se xa se fan con licor?. Os de mencía e godello foron os primeiros en presentarse, pero tamén traballan con albariño, treixadura, augardente, licor de herbas, crema de augardente, licor café, licor de mel. E con queixos das denominacións de orixe galegas, aceite de Quiroga, algas, ourizo… Pola cabeza dos responsables anda unha caixa de sabores combinados baixo a denominación de “Sabores galegos”.

O Salón do Club de Gourmets, que se celebra en Madrid en abril, servirá para una segunda presentación pública e despois os bombóns sairán ao mercado. Segundo indica Manuel Mateo, en Barcelona pecharon xa acordos con distribuidores en 13 provincias. Os bombóns comercializaranse por medio da empresa Selección Matisse, nova no sector da alimentación.

De todo isto falarei mañá (30 de marzo) con Manuel en Arroz con Chícharos (Cadena SER, 12:230 horas). E tamén estará Isabel García, concelleira de Turismo do concello de Friol, para falar do queixo de Friol e o pan de Ousá, que teñen festa o mesmo domingo.