¡Alucinante!. Non se pode cualificar doutra maneira a forma de presentar a información sobre a recepción do conselleiro de Innovación e Industria a Beatriz Sotelo, recente gañadora do concurso “Cocinero del Año” e ao seu axudante Braulio García. Todo se montou co obxectivo de dar lustre á Escola Superior de Hostalería de Galicia, na que estudou Braulio e na que actualmente é profesor. Naturalmente, a Escola depende da Consellería.

Así que se convoca aos medios a unha recepción do conselleiro a Braulio García (Beatriz nin se cita) e na nota de prensa posterior so hai datos biográficos de Braulio, con especial fincapé na súa vinculación coa escola.

A cousa ven de lonxe, que nos días posteriores ao concurso lanzáronse informacións similares ás desta semana, que eu so vin en Galicia Gastronómica. Igual o fracaso daquela iniciativa levou a organizar a movida desta semana.

Tanto ensarillaron desta volta o asunto que conseguiron que Xornal.com ou La Voz de Galicia (despois do Parga) publicaran curiosas informacións. E ata conseguiron que La Voz entrevistara ao axudante no canto de facer a entrevista á gañadora (miren a edición en papel, que na dixital non funciona o enlace).

Todo o maior gloria da Escola Superior de Hostalería de Galicia, que ten méritos propios abondo para non ter que aproveitarse dos alleos.

Por se a alguén lle queda dúbida: a gañadora do concurso “Cocinero del Año”, na edición de 2008 é Beatriz Sotelo.

Braulio García foi o axudante de Beatriz na final, pero non cociñou. Limitouse a limpar o peixe e labores similares. E fíxoo a título persoal e sen representar á ESHG, que nesta festa non conta para nada.

Galicia enteira debe estar satisfeita do éxito de Beatriz, pero se todo o mundo actúa da mesma maneira acabará reivindicando o premio o responsable do porto de Celeiro, de onde saíu a pescada que gañou o concurso e, polo tanto, tan emparentado co éxito como a Escola de Hostalería. Ou máis.