March 26th, 2008Pasmar no Pepe Vieira Camiño da Serpe
Falan as Cantigas de Alfonso X, o rei Sabio que escribiu en galego medieval, que Ero de Armenteira, fundador do mosteiro do mesmo nome e o seu abade, pasmou durante trescentos anos escoitando un paxaro nos xardíns do mosteiro e que morreu cando lle volveu o acordo e descubriu como cambiara o seu mundo.
Se un vai de Compostela ao Camiño da Serpe guiado polo GPS pasará inevitablemente polas inmediacións do magnífico mosteiro que hai algúns anos decidiron lixar construíndo unha moderna casa para o cura na finca anexa. Sen dúbida Armenteira é visita obrigada para quen se achegue a comer ao Pepe Vieira Camiño da Serpe sempre, claro, que non imite a Ero e pasme durante unha tempada no novo establecemento dos irmáns Cannas.
Onte á mañá andei por Padrón, Pontecesures e Pontevedra, e aproveitei as horas do mediodía para saudar a Pepe Solla e despois ir coñecer o novo Pepe Vieira, que xa leva uns días aberto inda que as obras non remataran por completo (faltan algúns detalles practicamente imperceptibles no xardín, no comedor de banquetes e no reservado, pero a cociña e o comedor principal están xa a pleno rendemento.
Sorprende o Pepe Vieira Camiño da Serpe. Sorprende o emprazamento, tan preto do mar, na ribeira norte da ría de Pontevedra, pero no medio do monte, tanto polo elevado do mesmo como pola sensación de zona forestal que un ten chegue por onde chegue. Pero sorprende especialmente pola calidade e a calidez das instalacións, así como pola xenerosidade de espazo coa que agasallan a cada comensal. Enormes mesas para catro, nas que outros sentaría a oito. Sillóns, que non cadeiras, confortables tanto para comer como para charlar cos compañeiros de mesa ou, como foi onte o meu caso, cos Cannas, primeiro Xoán e despois, rematado o traballo na cociña, con Xosé.
As instalacións da cociña, polas que fixen a miña primeira entrada no restaurante, son un primor. Amplas, amplísimas, pero imprescindibles para un local que dispón de salón de banquetes para 400 persoas. Unha cociña na que non hai nada que agochar e por iso se abre aos xardíns e ao comedor con dúas enormes cristaleiras, que ademais lle proporcionan un torrente de luz natural que seguramente agradecerán os cociñeiros, que habitualmente traballan nas zonas máis interiores dos locais e con pouco contacto co exterior.
A madeira do chan e algunhas paredes ofrece calidez, mentres os tons grises e crema da pintura dan sensación de sosego e tranquilidade, mentres que os amplos xardíns que rodean o restaurante convidan a pasear e entrever as paisaxes da ría entre os eucaliptos da finca próxima que estragan un pouco a paisaxe.
A entrada, que se pode ver na fotografía, espectacular, cunha escalinata de cine (vaian avisando a algunha desas empresas de localización de exteriores para o cine e a televisión, que o local está predestinado para saír na pantalla). Unha escalinata, dicía, de madeira rústica que nos leva á porta de entrada, 400 quilos de madeira e cristal que xiran arredor dun eixe central. Ao rente da mesma o que Xoán definiu coma o “xardín do viño”, un espazo cuberto de enormes laxas de lousa entre as que agroman, como brotes de plantas xigantescas, botellas baleiras de viño porque debaixo está a adega. No medio de todo dous tremendos felgos (fentos), case tan grandes coma un home, completan o singular recuncho.
Despois da visita unha longa charla con Xoán e Xosé, na que este me dixo que estaba a facer probas con sardiñas de tabal, tan propias da zona e ausentes do mundo da restauración. Calquera día deste as teremos no prato. Despois insistiron en que quedara a comer e non fun quen de resistirme, inda que parte do traballo que había que facer pola tarde acabou quedando postergado para o día seguinte. Un menú espléndido, como corresponde a unha cociña tan consolidada como a de Pepe Vieira: de entrante un “paisaxe outonal do Camino da Serpe”, para seguir coa coñecida vieira con unto, seguida dun extraordinario arroz con carabinero, peixe con allos tenros, a archicoñecida e potente pataca do cocido e unha sorprendente sobremesa: “ensalada de froitas con touciño ibérico á vainilla”. Non se asusten, que o touciño era testemuñal e cortado en dados pequenísimos, pero o conxunto resultou moi refrescante despois de tan ampla comida. Moita auga e unha copa de Leirana, o albariño elaborado en Meaño pola adega Forjas del Salnés. Non pregunten polo prezo, que fun convidado, pero Gourmet de Provincias fala do menú degustación a 45 euros.
A cociña do Pepe Vieira, e a Xosé Cannas cociñando a pataca reenchida de cocido e unha pescada con herbas aromáticas podedes vela en Coas nosas mans, a web realizada por estudantes de xornalismo baixo a dirección de Manolo Gago e presentada no pasado Forum Gastronómico de Santiago.
NOTA: non resulta fácil chegar a primeira vez, así que podes mirar o sitio no mapa ou meter no teu GPS as seguintes coordenadas decimais: 42.409556 -8.754419
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico





