March 12th, 2008“Paprica” nova cociña en Lugo
Remíteme Álvaro Villasante, dende Lugo, unha presentación sobre o seu restaurante “Paprica”, aberto hai uns meses na cidade das murallas cun clara orientación cara a nova cociña.
Atopo unha carta na que os entrantes compoñen a oferta máis ampla, cunha oferta de sete especialidades que van dende un tataki de bonito á tortilla deconstruída, rissoto, ensalada morna con moegas, foie gras, xamón de bellota ou ensalada de rosbif.
No apartado de peixes so dúas ofertas e en ambos casos en fusión con produtos do porco: pescada con canelón de ibérico e bacallau con unllas de porco. Tres carnes: porquiño, fazulas de tenreira e solombo de boi.
Dúas sobremesas: chocolate e tiramisú. E un mini carro de queixos, cousa pouco habitual en Galicia, pero composto exclusivamente con especialidades de fóra: Nevat, Marantona, Brique e Appenzeller.
A presentación non fala dos viños que nos ofrecerán coa comida e amosa un local pequeno e sinxelo. Haberá que ver como funciona nunha cidade como Lugo, que presume do seu lema turístico “E para comer Lugo”, pero na que domina a cociña tradicional con raras excepcións como este Paprica ou o España do amigo Héctor López.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico


12 March 2008 a las 21:18
Paseille pola porta na miña última visita a Lugo, vindo de Meira (está na subida desde a estación de tren). Tiña boa pinta, pero era pola tarde e, coa Gourmet 2.0, non estaba a cousa para reservar pola noite.
Entre a sensación que nos deu e o que contas, haberá que telo en consideración para o seguinte paseo pola cidade.
12 March 2008 a las 22:25
Comín alá hai un par de semanas, nunha das visitas á miña vila natal…
A verdade e que quedei gratamente sorprendido… moi interesante o ofertado, atrevido, ben cociñado e en relación calidade-precio, estupendo…
Ademáis, un servizo de sala moi agradable e atento…
Comín a tortilla deconstruída, o bacallao con morro de tenreira (non había uñas de porco) e os queixos, máis o que probei dos outros comensais… todo máis que correcto; só cambiaría o punto do ovo da tortilla… a carta de viños, interesante e cunha boa selección…
En fin, un lugar que vos recomendo probar sen dúbida… diferente o que se fai en Lugo habitualmente… creo que quedaredes satisfeitos…
Unha aperta…
PD: Por certo, Gourmet… non sei se te confundirías… o Paprica está na rúa das Nóreas, dentro das murallas… dende alá á estación de tren hai un bo paseo (para o que é Lugo)…
14 March 2008 a las 21:52
Penso que non me confundín, pero revisarei o mapa, porque igual a equivocación está no lugar onde o situo.
14 March 2008 a las 21:55
Efectivamente. Comprobado, tiña un pequeno lío. Entráramos pola estrada de Meira e andivemos dando voltas para aparcar por esa zona que comento e, desde aí, fomos cara ó hotel pasandolle por diante ó restaurante.
Gracias pola corrección.
26 August 2008 a las 14:11
Pois metinme aquí intentando encontra-lo número do restaurante para reservar. Estiven alí fai cousa de 4 meses e pareceume espectacular. Un sitio pequeno e recollido onde da gusto ir a cear. Boa comida, bos viños e servizo excelente. Creo que non hai en Lugo nada que se lle asemelle, aínda que é verdade que non coñezo moito do que abriron ultimamente por ahí.
Un saúdo en noraboa polo blog