Remíteme Álvaro Villasante, dende Lugo, unha presentación sobre o seu restaurante “Paprica”, aberto hai uns meses na cidade das murallas cun clara orientación cara a nova cociña.

Atopo unha carta na que os entrantes compoñen a oferta máis ampla, cunha oferta de sete especialidades que van dende un tataki de bonito á tortilla deconstruída, rissoto, ensalada morna con moegas, foie gras, xamón de bellota ou ensalada de rosbif.

No apartado de peixes so dúas ofertas e en ambos casos en fusión con produtos do porco: pescada con canelón de ibérico e bacallau con unllas de porco. Tres carnes: porquiño, fazulas de tenreira e solombo de boi.

Dúas sobremesas: chocolate e tiramisú. E un mini carro de queixos, cousa pouco habitual en Galicia, pero composto exclusivamente con especialidades de fóra: Nevat, Marantona, Brique e Appenzeller.

A presentación non fala dos viños que nos ofrecerán coa comida e amosa un local pequeno e sinxelo. Haberá que ver como funciona nunha cidade como Lugo, que presume do seu lema turístico “E para comer Lugo”, pero na que domina a cociña tradicional con raras excepcións como este Paprica ou o España do amigo Héctor López.