Marzo 11th, 2008O “destilador” de Flavio Morganti
Na pasada edición de Madrid Fusión os irmáns Roca explicaron como empregan un rotaval carísimo para destilar a esencia dalgúns pratos da súa carta de maneira que se presenta o propio prato, o concentrado do seu prebe e o destilado do mesmo.
A sorpresa foi descubrir como o cociñeiro ourensán Flavio Morganti fai algo semellante, pero cunha tecnoloxía que custa uns poucos céntimos. Flavio amosou nunha sesión de traballo realizada en Xantar un destilador no que emprega a ola a presión, un tubo de goma e unha cazola con auga e xeo. O da fotografía non é o de Flavio senón unha réplica armada na miña casa para comprobar que funcionaba. Consiste simplemente nun tubo de goma axustado ao pitorro da ola e somerxido nun baño de auga con xeo, co extremo introducido nun cacharro no que recoller os vapores condensados.
Haberá que falar con Flavio para ver que tipo de tubo emprega el, xa que non estou seguro de que calquera goma que se atope na ferraxería sexa apropiada para usar con vapor a presión (supoño que sae da pota a máis de 100 grados) sen que deixe residuos e cheiros.
Nun dos talleres de “Santiago repetirás” propuxen, en broma, a construción dunha réplica da ronner co acuario dos peixes. Despois de ver o destilador de Morganti empezo a pensar que non é unha idea tan tola.
© Copyright Miguel Vila Pernas.
Se desexa facer uso NON comercial destes contidos, soliciteo por correo electrónico
Si desea hacer uso NO comercial de estos contenidos solicítelo por correo electrónico

