Resulta evidente que dun tempo a esta parte hai un verdadeiro enfrontamento entre bloggers e profesionais da información gastronómica, falando os primeiros dos intereses dos segundos e as prebendas, mentres os profesionais acusan aos primeiros de inexperiencia, falla de coñecementos e de escudarse no anonimato.

Eu estou no medio na lea, inda que procuro falar o menos posible para que non me caian todas encima, xa que teño unha faceta de blogger con esta Colineta e outra de profesional con columna fixa en El Progreso, programa en Radio Galicia-Cadena Ser e outras varias ocupacións polas que cobro e das que vivo, todas relacionadas coa gastronomía.

Así que unha de dúas, ou me poño en plan vítima e recibo dos bloggers na meixela de profesional e dos profesionais na meixela dos bloggers, ou interpreto o papel de martelo de herexes e zumbo a destra e sinistra.

Comparto cos profesionais a teima do anonimato. Cada vez aguanto menos aos que se amparan no anonimato para publicar o que lles ven en gaña, sexa certo ou non e sen saber nunca, inda que se intúa, a que interese responden as súas falcatruadas. Desgraciadamente, hai anónimos nos comentarios, pero tamén hai blogs elaborados por persoas anónimas. Non é naturalmente, o caso dos que publican baixo un nick ou pseudónimo pero cuxa personalidade é coñecida por todos. Ben, cos profesionais comparto máis cousas, pero non é cuestión de estenderse máis da conta.

Cos bloggers comparto a percepción de que o mundo dos profesionais non é tan marabilloso nin tan cristalino como se quere dar a entender. E como profesional falo con coñecemento de causa.

Xustificase toda esta perorata co obxectivo de falar do recorte que reproduzo xunto co post, que saco de “VS el magazine del vino, la gastronomía y más” (nº 13, marzo de 2008), unha revista mensual editada por Vinoselección que recibo xunto con El Progreso un sábado cada mes. O texto son os dous últimos parágrafos dun texto de cinco, titulado “¿Quién critica al crítico?” e que asina “El Príncipe”. Eu non estou moi posto nesto dos pseudónimos e a súa correspondencia na vida real, pero dado o que escribe e, sobre todo, como o escribe, pensei de inmediato en Joaquín Merino, comprobando de seguido que aparece no staf como colaborador. Así que estou seguro de que é el porque neses anos 1974 e 1975, con 17 ou 18 anos, eu era un dos seus seguidores en Radio Nacional de España, que era a única emisora que entón se escoitaba no Valadouro. Non perdía eu nunca as charlas de Joaquín Merino, falando de gastronomía e de Londres, onde debeu estar como correspondente dalgún medio. E tamén escoitaba sempre a Acacia Uceta, que falaba de viaxes. E a Euxenio Domingo, o irmán do coñecido Xavier, que falaba sobre gastronomía, viños, libros, e que adoraba a Cunqueiro como eu o adoro.

Queda aberta a quenda de intervencións sobre as palabras de “El Príncipe”.