Resulta evidente que dun tempo a esta parte hai un verdadeiro enfrontamento entre bloggers e profesionais da información gastronómica, falando os primeiros dos intereses dos segundos e as prebendas, mentres os profesionais acusan aos primeiros de inexperiencia, falla de coñecementos e de escudarse no anonimato.

Eu estou no medio na lea, inda que procuro falar o menos posible para que non me caian todas encima, xa que teño unha faceta de blogger con esta Colineta e outra de profesional con columna fixa en El Progreso, programa en Radio Galicia-Cadena Ser e outras varias ocupacións polas que cobro e das que vivo, todas relacionadas coa gastronomía.

Así que unha de dúas, ou me poño en plan vítima e recibo dos bloggers na meixela de profesional e dos profesionais na meixela dos bloggers, ou interpreto o papel de martelo de herexes e zumbo a destra e sinistra.

Comparto cos profesionais a teima do anonimato. Cada vez aguanto menos aos que se amparan no anonimato para publicar o que lles ven en gaña, sexa certo ou non e sen saber nunca, inda que se intúa, a que interese responden as súas falcatruadas. Desgraciadamente, hai anónimos nos comentarios, pero tamén hai blogs elaborados por persoas anónimas. Non é naturalmente, o caso dos que publican baixo un nick ou pseudónimo pero cuxa personalidade é coñecida por todos. Ben, cos profesionais comparto máis cousas, pero non é cuestión de estenderse máis da conta.

Cos bloggers comparto a percepción de que o mundo dos profesionais non é tan marabilloso nin tan cristalino como se quere dar a entender. E como profesional falo con coñecemento de causa. Lee el resto de esta entrada »