Os idiomas fainos o pobo, que os fala e os escribe, e a correspondente Academia “límpaos, fíxaos e dálles esplendor”, como reza o lema da Real Academia Española, claro que non sempre o conto é así, e co galego semella que son algúns “iluminados ou seres superiores” os que crean o idioma para que despois os mortais nos vexamos na obriga de cambiar todo canto aprendemos co tempo, que xa supuxera un cambio anterior do que mamamos, falando en materia de idioma, claro está. Pode que o que digo non sexa certo, pero así o vexo eu, simple mortal galego falante e escribinte, e farto de normativas que me parecen artificiais.
Afortunadamente, de cando en vez os que manexan os fíos do idioma “oficial” dan directamente no cravo, como ven de pasar coa aceptación da palabra “greleira” por parte da Real Academia Galega (o procesador de textos acaba de sinalar o temo como incorrecto, pero xa lle farei eu que se vaia enterando de que os tempos cambian). O termo interésame máis que nada na súa forma substantiva, na que serve para referirse a esas mulleres que dobran as costas para apañar os grelos que despois gozaremos na mesa. Digo eu que se apañan nabizas tamén lles poderemos aplicar a mesma denominación, xa que “nabiceiras” aínda non foi aceptado pola RAG, e ademais non soa nada ben. Lee el resto de esta entrada »
O común dos mortais saben que en Galicia existen catro tipos de queixo: Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro. Están no certo se falamos de queixos con denominación de orixe, pero en realidade en Galicia hai moitos máis: requeixo (un queixo fresco con dúas tipoloxías ben definidas na nosa terra), queixos de ovella de gran calidade coma os do Rexo (Allariz), queixos de cabra elaborados de maneira moi minoritaria nalgunhas zonas de Ourense e queixos “do país” que, sen estar acollidos a ningunha D.O. ofrecen unha calidade extraordinaria. Deles falaremos noutro momento, agora imos coas D.O.
