Despois de triunfar no Forum Gastronómico co seu traballo, a Asociación de Filloas da Pedra da Baña abre blog para dar a coñecer as súas actividades, que a partir de agora estarán en http://filloasdapedra.blogspot.com
Ademais, como debe ser, o blog nace subscribindo o Código Cociña, co que se converte no primeiro en que sae á rede amparándose de principio no código de boas prácticas blogastronómicas. Benvidas. Agora so falta crear a Gloriosa Orde da Filloa da Pedra.
Aproveito a ocasión para ensinar a fotografía que me fixo Sole virando unha filloa no Forum Gastronómico. Foi unha especie de trastada, despois de que eu me pasaran todo o Forum poñendo ás grandes estrelas da cociña detrás da pedra, como xa se puido ver
nun post anterior.
Nunha entrevista publicada o domingo en El Correo Gallego, o ministro de Cultura, o coruñés César Antonio Molina, fala das súas afeccións culinarias e asegura que o prato que máis lle gusta é “Por supuesto, a la gallega: con su pimentón, con sus patatas y con su aceite. Y si es en una feria, mejor”. Vaia por diante a miña admiración pola obra de Molina, especialmente no que se refire á compilación de artigos xornalísticos de Álvaro Cunqueiro, publicados en varios volumes pola editorial Tusquets. Gracias a el coñecemos unha boa parte da obra dispersa do xenio de Mondoñedo.
Pero no do polbo o señor ministro demostra claramente que está afeito a ese invento madrileño que é o “pulpo a la gallega” que eu nunca atopei nunca feira nin nunha festa galega, sexa a feira semanal de Compostela (antes Salgueiriños, agora Amio), a de Monterroso, a de Silleda, o San Froilán, As San Lucas en Mondoñedo ou a Santa Minia en Brión. En todos estes casos sobran “sus patatas” porque nunca vin en Galicia que o polbo á feira se sirva con patacas, como é costume en Madrid, onde o prato se cubre cunha capa de patacas cocidas en toros que se tapan con polbo cortado ao biés de maneira que saen lascas moi delgadiñas pero moi longas, co que parece que hai na mesa moito polbo cando o que hai son moitas patacas. Amáñase co seu sal, pemento e aceite… e ao microondas, que o habitual polo foro é que os pratos estean preparados e so faltos de calor. Lee el resto de esta entrada »