Na cata de requeixo que dirixín no marco do Forum Gastronómico os asistentes puideron probar catro requeixos galegos e comparalos cun requesón producido fóra de Galicia. Os requeixos catados foron os que producen a cooperativa Condado Paradanta (As Neves, Pontevedra), a cooperativa Arquega (Montesalgueiro, A Coruña), a cooperativa CampoCapela (A Capela, A Coruña) e Lácteos Lorán (Abadín, Lugo).

Inda que o requeixo se consume tradicionalmente como sobremesa, adozado con azucre ou mel, a cata realizouse “ao natural”, é dicir, sen engadir ningún tipo de edulcorante. Ao remate da mesma os asistentes puideron realizar unha degustación do requeixo de Campo Capela con azucre.

Como unha pequena mostra sen valor estatístico ningún, pedín aos participantes que valoraran do 1 ao 5 os produtos que estaban a catar, puntuacións anónimas que recollín ao remate da cata e das que vou falar agora, aclarando previamente que non se tratou dunha cata cega, senón que antes de proceder á mesma fun identificando cada un dos requeixos, o que pode influír claramente no resultado, dado que na sala había algunha tres ou catro persoas relacionadas directamente polo menos con dous dos produtos a catar.

Xuntei un total de 52 fichas de puntuación nas que, como era de agardar, o produto mellor valorado foi o requeixo con azucre, cun total de 221 puntos sobre un máximo posible de 260. O promedio foi de 4,42 sobre 5. A puntuación más frecuente foi de 5, pero dúas persoas non valoraron o requeixo con azucre e unha deulle un 1. Ao tratarse do único requeixo cn azucre o resultado non é comparable a ningún outro.

Polo que respecta á cata dos catro requeixos e o requesón, todos eles sen azucre, os resultados amosan tres niveles diferentes: dun lado os requeixos de As Neves e A Capela, que superan os 200 puntos (211 e 202 respectivamente), en segundo lugar o de Arquega, con 164 puntos, e en terceiro lugar o de Lorán e o requesón, con 130 e 137 puntos respectivamente.

De forma individualizada pasou o seguinte:

Requeixo de As Neves. Acadou a maior puntuación, con 211 puntos e unha media de 4,06. A puntuación más alta foi 5 e a máis baixa 1.

Requeixo de A Capela. Situase en segundo lugar cun total de 202 puntos e unha media de 3,96. A puntuación máis alta foi 5 e a máis baixa 0, xa que unha persoa non lle outorgou ningún punto. Esa mesma persoa tampouco o puntuou na degustación con azucre.

Requeixo de Arquega. Terceiro lugar con 167 puntos e unha media de 3,15. Obtivo puntuacións entre 1 e 5.

Requeixo de Lorán. Cuarto lugar con 137 puntos e unha media de 2,63. Obtivo puntuacións entre 1 e 5.

Requesón: Último lugar, cun total de 130 puntos e unha media de 2,5. Obtivo puntuacións entre 1 e 5.

Nun próximo post falarei do requeixo e da súa diferenza co requesón.