Aproveito uns poucos minutos da mañancina para falar outra vez do Forum Gastronómico que estamos a vivir en Santiago. Hai moi poucas horas deixaba Casa Marcelo despois da cea da prensa na que tiven o enorme privilexio de estar con outros catro xornalistas gastronómicos na mesa de Ferrán Adriá, que chegou cando xa estabamos coa cea (culpa dos avións) e demostrou un bo apetito e a boa amistade que ten con Marcelo e o seu equipo.

As felicitacións aos organizadores do Forum repetíronse unha e outra vez por parte dos xornalistas españois e estranxeiros, sorprendidos moitos eles pola calidade do programa e a perfecta execución do mesmo. As mesmas felicitacións se puideron escoitar ao longo do día, o mesmo que o sábado, no recinto do Palacio de Congresos por parte de visitantes, expositores, profesionais da cociña… semella un ambiente de euforia colectiva ante algo que sempre intuímos pero nunca ata o de agora tivemos en Galicia: unha feira gastronómica verdadeiramente profesional.

Afeitos a feiras sen más contido que o comercial, o público abarrotou as distintas instalacións do Forum ao longo da fin se semana. Onte mesmo, mentres o público enchía un auditorio con más de 500 butacas (había xente sentada nas escaleiras e no chan), outro cento asistía á sesión de Gonzalo Rei e Jorge Guitián (Gourmet de Provincias) nunha aula Picadillo co aforo completo moito antes de comezar, e preto de 80 realizaban unha cata de queixos con Luis Paadín na sala Ateneo. En total seguramente eran máis de 700 persoas as que asistían simultáneamente aos tres eventos, e iso sen contar os moitos que non podendo entrar na sala (na Picadillo e na Ateneo ademáis de escoitar ao cociñeiro cátase o produto) se conformaron con seguir as intervencións a través das pantallas situadas no exterior das salas.

O mesmo acontecera na primeira quenda da tarde, con Héctor López e Toñi Vicente no Auditorio Compostela, o pasteleiro Marcos Álvarez e as súas tartas de Santiago, bica e manteiga (sesión que tiven o pracer de presentar) na Aula Picadillo e Ariel Mendizabal cunha cata de bombóns na Sala Ateneo.

Apoteósico. Despois de moitos meses de xestación naceunos un Forum Gastronómico. Haberá que coidalo para que medre e en 2010 nos volva a sorprender.

NOTA: para máis detalles recomendo a visita aos blogs do colegas blogastrónomos, que por sorte para eles teñen máis posibilidades de estar en todo, fotografialo e publicalo mentres eu traballo. Eso si, no Forum e coa sensación de estar facendo historia. Na foto Diego Bello, de Casa Pardo (A Coruña) e Taky no stand da asociación Filloas da Pedra.(Volverei en canto poida)