A emigración parece ser a única posibilidade para que un xornalista galego gañe o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro na categoría de medios escritos, á luz do que está pasando nos últimos anos e que nos debería levar a algunha reflexión.

Primeiro as aclaracións:

  1. Falo exclusivamente do apartado de “medios escritos”, no que participan traballos publicados en xornais e revistas.
  2. Falo como persoa que presentou traballos nesta categoría nas tres últimas edicións do premios e, evidentemente, non foi premiado.

Así que primeiro darei uns datos e despois unhas reflexións.

Datos:

  1. Hai nove anos que o premio non recae nun traballo publicado nun xornal ou revista galega.
  2. Temos que remontarnos ata 1998 (dez anos), para atopar un xornalista galego, exercendo en Galicia, premiado por un traballo publicado nun medio galego. Atención a esa premisa tripla: tanto o medio coma o xornalista son galegos, e o premiado non traballa na emigración.
  3. Nunca o premio recaeu nun traballo publicado en galego.

Imos ver:

En 2008 gaña o premio José Ignacio Gracia, asturiano, por un traballo publicado en La Nueva España.

En 2007 o premio foi para Rosa María González, por un traballo publicado en Divinidades, unha revista que se publica en Puerto Rico. Rosa María é xornalista descendente de galegos, pero vive e exerce na illa do Caribe. Nesta mesma edición está a única excepción á miña tese: xa que o premio foi compartido con Natalia Sueiro, por un traballo publicado en El Ideal Gallego. Non teño claro se o premio de Natalia foi un accésit ou Rosa María e Natalia foron premiadas ex-aequo. Confeso que estaba seguro da segunda fórmula ata que mirei a web do concello de Lalín e me atopei con que a Natalia lle atribúen un accésit.

Sigamos co repertorio cronolóxico.

En 2006 o premiado foi Henrique Mariño correspondente en Sudamérica dun xornal galego. O premio recibiuno por un traballo publicado en Spain Gourmetour.

En 2005 o premio foi para outro xornalista galego, José Manuel Vilabella, que leva máis de corenta anos vivindo e traballando en Asturias. O artigo premiado publicouse en Restauradores.

No 2004 o premio foi para Enrique Arias Vega, do que descoñezo a súa procedencia (¿valenciano?), e que publicou o artigo que lle valeu o galardón no diario Metro Directe.

En 2003 premiouse un traballo de Faustino Fernández Álvarez publicado en La Razón.

No 2002 volvemos cos xornalistas galegos, ou polo menos nacidos en Galicia, e o premio vai para Pilar Cernuda, por un traballo publicado no Diario Área da Línea da Concepción.

En 2001 é premiado Manuel Martín Ferrand, por un traballo publicado no suplemento Blanco y Negro.

En 2000 máis galegos, Luis Mariñas, por un traballo en Diario 16.

E en 1999 gaña Fernando Ónega, emigrado en Madrid, pero por un traballo publicado en El Progreso de Lugo.

Chegamos a 1998, ano en que o premio recae en José Martínez Couselo, membro entón da redacción de El Correo Gallego, por un traballo publicado nese xornal.

Así pois, resulta que nas últimas nove edicións o premio non recaeu nunca nun medio galego, coa excepción comentada de Natalia Sueiro co accésit de 2007.

Poden acontecer varias cousas:

1. Os xornalistas galegos que traballamos na terra e publicamos en medios galegos somos uns mantas.

2. Os xornalistas galegos so o facemos ben cando escribimos para medios de fóra.

3. Os membros do xurado, todos eles xornalistas galegos, non están dispostos a premiar traballos publicados na competencia, é dicir, revistas e xornais galegos.

4. Estou molesto e paranoico e imaxino cousas que non son certas.

CONCLUSIÓN: seguramente das catro hipóteses a única certa é a número 4 e todo o anterior unha chorrada. Lamento a perda de tempo causada a tódolos que chegaran lendo ata aquí… se é que chegou alguén.